Nova Zelandia declárase libre de coronavirus, mais nin é o único nin o primeiro país do mundo

Nova Zelandia uniuse esta semana ao grupo de países que derrotaron o SARS-CoV-2 despois de que a finais de febreiro entrara neste arquipélago. Son polo menos oito Estados máis, ademais dunha serie de territorios ─a maioría pequenas illas do Pacífico─ os que venceron esta primeira vaga da epidemia.

2020061014325835960
photo_camera A primeira ministra de Nova Zelandia, Jacinda Ardern, foi loada polas medidas do país ante o virus (AAPIMAGE)

"Hoxe podemos anunciar que non hai actualmente ningún caso activo da COVID-19 en Nova Zelandia", informaba o Ministerio de Sanidade neozelandés a través do Twitter o pasado domingo. Horas despois, a primeira ministra, Jacinda Ardern, anunciaba que o país regresaba ao nivel mínimo de alerta sanitaria, o número un, a partir desta semana. 

"Podemos afirmar con seguridade que, polo momento, eliminamos a transmisión do virus en Nova Zelandia. Mais esta eliminación non é algo que se logre dunha vez e para sempre, senón que se trata dun esforzo sostido", afirmaba nunha comparecencia ante os medios. Eliminación, que non erradicación, non obstante. Nun contexto médico, a primeira significa a ausencia dunha enfermidade a escala nacional ou rexional; a segunda, a súa extinción a nivel global. 

Neste sentido, a alerta 1 en Nova Zelandia permite a volta á normalidade, mais mantéñense os 14 días de corentena para todas as persoas que cheguen ao país. "Agora baixo o nivel 1 se se quixer pódese regresar ao posto de traballo", dixo Ardern. Ademais, tamén estabelece a necesidade de que a poboación leve un diario persoal, onde anote datos de interese en previsión dunha segunda vaga de contaxios. 

A alerta de nivel 1, "Prepararse", entrou en vigor ás 23.59 do 8 de xuño. A alerta de nivel 2, "Reducir" fixérao á mesma hora do 13 de Maio. A de nivel 3, "Restrinxir", o 27 de abril. E a do 4, "Confinamento", o 25 de marzo. O Goberno de Nova Zelandia mantén desde o inicio da pandemia unha web, "United for Recovery" ("unidos para a recuperación"), con esta e outra información pública detallada.

Rapidez e firmeza

Para vencer o virus, Nova Zelandia tomou unha serie de medidas drásticas. Ardern sinalou que tiveron que pasar 40 días desde o último caso rexistrado de trans-

misión comunitaria; 26 días desde a entrada no nivel de alerta 2; 17 días desde que non houbo ningún caso novo; e menos de 24 horas sen coronavirus para declarar a vitoria sobre o virus. 

O Goberno decretou un confinamento "rápido e firme", segundo a mensaxe da primeira ministra na altura. Xa o 15 de marzo, cando Nova Zelandia tiña só 100 casos confirmados e ningunha morte, fechou as fronteiras aos viaxeiros estranxeiros. Dez días despois, introduciu medidas de confinamento total.

Ademais, mantivo unha comunicación constante, co envío de mensaxes de texto a toda a cidadanía. Tamén incrementou o número de tests de detección ─que a día de hoxe chega ao procesamento de 8.000 probas por día─, e centrouse no traballo de rastrexo de casos.

Illamento e densidade

A favor da eliminación do virus xogou o feito de ser un país relativamente illado e cunha densidade de poboación baixa. Non obstante, países con cifras poboacionais e características xeográficas similares, como Irlanda, obtiveron resultados ben diferentes. 

Nova Zelandia, cunha poboación de 5 millóns de habitantes (densidade de 18 por km2) rexistrou 1.504 casos e 22 mortes. Irlanda, con 4,9 millóns de habitantes (densidade de 72 por km2) tivo 25.215 casos e 1.691 mortes.

Como referencia, Galiza conta con 2,7 millóns de habitantes, unha densidade de 91 km2, e rexistrou 11.936 casos e 618 mortes. 

Outros territorios

Nova Zelandia uniuse esta semana ao grupo de países que derrotaron o SARS-CoV-2 despois de que a finais de febreiro entrara neste arquipélago. Son polo menos oito Estados máis, ademais dunha serie de territorios ─a maioría pequenas illas do Pacífico─ os que venceron esta primeira vaga da epidemia.

Tamén, segundo a OMS, están os que non declararon ningún caso oficialmente: Corea do Norte, Illas Marshall, Illas Salomón, Micronesia, Nauru, Palau, Samoa, Tonga, Turkmenistán e Tuvalu.

Montenegro

O país balcánico rexistrou o primeiro caso o 17 de marzo e 69 días despois, o 25 de maio, declarábase libre da COVID-19 tras se recuperar un día antes o derradeiro paciente. En total houbo un total de 324 contaxiados e nove mortes.

Eritrea

Fronteirizo con Sudán e Etiopía, no Corno de África, rexistrou o primeiro caso o 21 de marzo e o último paciente recuperouse o 15 de maio. Tivo 39 contaxios e non contabilizou ningún deceso. 

Timor-Leste

Como Eritrea, esta ex colonia portuguesa rexistra cero casos activos desde o 15 de maio. O primeiro detectouse o 21 de marzo, e o derradeiro o 24 de abril. En total, foron 24 as persoas contaxiadas, e ningunha morte, malia que na veciña Indonesia, por cuxas illas está rodeado, contabiliza máis de  33.000.

Fidxi 

Este Estado insular rexistrou o primeiro caso da COVID-19 o 19 de marzo. Na pasada sexta feira, o primeiro ministro, Frank Bainimarama, declarou o país libre do virus. Cunha poboación de 899,000 persoas, tivo un total de 18 contaxiados e cero decesos.

Cidade do Vaticano

O enclave na cidade de Roma, de 0,44km2 de superficie e uns 800 habitantes, rexistrou 12 casos de coronavirus e ningún pasamento. Vatican News informou o sábado pasado de que non había casos da COVID-19 despois de o derradeiro paciente dar negativo na proba de coronavirus.

Seychelles

Situado no Índico fronte a costa oriental do continente africano, este Estado insular rexistrou o primeiro caso o 14 de marzo e o derradeiro paciente recuperouse o 18 de maio. Tivo un total de 11 contaxiados e cero mortes. 

Papúa Nova Guinea 

O primeiro caso foi o 20 de marzo e liberouse do virus o 4 de maio. Houbo 8 contaxios e cero mortes.

comentarios