Nova xornada de protestas en Colombia, onde a represión deixa máis de 20 mortos e centos de feridos

Malia a retirada do polémico proxecto de reforma tributaria hai convocadas novas mobilizacións.

Colombia Juan Camilo Erazo Caicedo LongVi  DPA - Only For Use In Spain
photo_camera A actuación da policía contra as protestas está no albo das denuncias de organizacións civís (Foto:Juan Camilo Erazo Caicedo / Europa Press)

Organizacións sociais, estudantís, sindicalistas e indíxenas anunciaron esta segunda feiras que manterán as mobilizacións nas rúas das cidades de Colombia, ao tempo que denunciaron case mil casos de abuso policial rexistrados durante as marchas dos últimos días.

Tras varias xornadas de intensas protestas, que deixaron 21 mortes, o presidente colombiano, Iván Duque, viuse forzado a retirar do Congreso o polémico e antipopular proxecto de reforma tributaria.

O anuncio produciuse na noite do domingo (hora local) e onte os medios xa barallaban que houbese dimisións no Gabinete. Entre outras, a de Alberto Carrasquilla, ministro de Facenda e promotor da polémica iniciativa, que ao contrario que o resto de ministros non estivo presente durante o anuncio de Duque.

Só en Cali houbo 16 mortes, cinco desaparecidos, 234 feridos, seis persoas con mutilación ocular e a violación dunha muller por parte dun axente da Esmad [Escuadrón Móbil Antidisturbios]

A pandemia está a provocar un forte impacto na economía de Colombia, país onde máis de 40% da poboación é pobre. A reforma tributaria pretendía compensar a caída de case sete puntos no Produto Interior Bruto (PIB) recadando uns 6.300 millóns de dólares máis en impostos.

Porén, segundo denunciou a sociedade civil e gran parte do Congreso, tres cuartas partes do recadado estaba previsto que saísen do peto da cidadanía, xa abafada pola situación económica actual.

Pouco máis de 25% deses 6.300 millóns achegaríano as empresas. As protestas reverteron a situación, mais manteranse ─sinalan─ para clamar contra a violencia. Só en Cali houbo 16 morte,s "cinco desaparecidos, 234 feridos, seis persoas con mutilación ocular e a violación dunha muller por parte dun axente da Esmad [Escuadrón Móbil Antidisturbios]".

E a ONG Indepaz denunciou o asasinato por sicarios do líder das marchas en San Luis (Antioquía), Juan David García Naranjo.

O Comité Nacional do Paro de Colombia denunciou esta segunda feira que a represión por parte das forzas de seguridade durante as manifestacións deixaran un saldo provisional “de 27 asasinados”.

Os dirixentes do paro aseguraron que para esta cuarta feira, 5 de maio, foi convocada unha nova xornada nacional de protestas, na que participarán diferentes plataformas sociais e as centrais obreiras.

Comentarios