Nova traxedia no Mediterráneo: máis dunha vintena de persoas, tres delas menores, morren fronte ás costas de Libia

Desde 2014 perderon a vida tentando alcanzar as costas europeas 24.291 persoas, das cales 957 eran menores de idade.
Imaxe de arquivo dunha embarcación rescatada en augas mediterráneas. (Foto: Europa Press)

#refuxiados #migrantes #migración #inmigrante #inmigración #mediterráneo
photo_camera Imaxe de arquivo dunha embarcación rescatada en augas mediterráneas. (Foto: Europa Press)

Cando menos 22 persoas migrantes e refuxiadas procedentes na súa maioría de Malí faleceron nas últimas horas fronte ás costas de Libia, no que supón unha nova traxedia humanitaria no mar Mediterráneo.

Segundo informou a Organización Internacional das Migracións da ONU, as vítimas faleceron por deshidratación ou afogamento, e entre elas había tres crianzas. Dirixíase a Italia.

Após nove días á deriva, 61 sobreviventes si puideron ser rescatados e foron levados de regreso a Libia. As autoridades de Malí confirmaron o número de vítimas mortais.

O Executivo deste país africano xa avanzou que está a tomar as medidas axeitadas para identificar os seus compatriotas e proceder á súa posterior repatriación.

"En nome do Goberno, o ministro [de Exteriores, Abdoulaye Diop] ofrece as súas condolencias ás familias en loito e ao pobo maliense por esta traxedia", subliñaron desde o Executivo nun comunicado.

Case un milleiro de mortes en 2022

Segundo os datos ofrecidos polo Proxecto Migrantes Desaparecidos, no que vai de ano perderon a vida nas augas do Mediterráneo 957 persoas, das cales unha trintena eran menores de idade.

Máis de 2.000 embarcacións naufragaron desde 2014

Con estes datos, ascende a 24.291 o cómputo de falecementos desde 2014 —entre os que se contabilizan 925 menores—, cuxa causa foi na inmensa maioría dos casos o afogamento. Desde entón producíronse até 194.484 intentos de travesía cara a territorio europeo, dos cales 2.023 remataron en traxedia.

Comentarios