Análise

Unha nova política migratoria?

"Pedimos traballadores e viñeron persoas". Max Frisch
Á poboación inmigrante atribúenselle, en esencia, os espazos laborais con peores condicións, salarios e menor recoñecemento. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Á poboación inmigrante atribúenselle, en esencia, os espazos laborais con peores condicións, salarios e menor recoñecemento. (Ilustración: Álex Rozados)

Entre reiterados titulares de falta de man de obra en sectores económicos específicos, esencialmente precarizados e con condicións laborais francamente mellorables, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións de España, José Luis Escrivá, anuncia unha modificación do Regulamento de Estranxeiría co obxectivo, afirma, de adaptala á realidade migratoria, económica e laboral que existe no estado.

O motivo máis visible parece estar nos 109.000 postos de traballo vacantes que as empresas denuncian non ser quen de cubrir no estado coa maior taxa de paro da UE, próxima ao 13,7%. Unha fenda acrecentada trala pandemia e que pon en evidencia que quen, podendo facelo, tería decidido renunciar a postos de traballo con salarios moi baixos e horarios dificilmente compatibles co desenvolvemento dun proxecto vital normal.

Só en Galicia o sector da construción demanda entre 4.000 e 5.000 persoas para incorporarse canto antes. Nunha liña semellante, os datos do INE certifican que en Galicia cóntase con 65.998 camareiros e camareiras, dúas mil persoas menos con esta ocupación que antes da pandemia sanitaria.

Paralelamente, sobrevoa este cambio a negociación co goberno Biden de traer a España migrantes centroamericanos que poderían contribuír a encher eses ocos e que posiblemente se anunciará no Cumio das Américas.

Neste contexto, o borrador de modificación incorpora unha serie de cambios para facilitar a inserción laboral da poboación migrante, entre os que cabe destacar:

1. A concesión de permisos de traballo a estudantes. De saír adiante a reforma proposta, aquelas persoas que teñen permiso de estancia por estudos, investigación ou formación, poderán traballar ata 30 horas á semana.

2. Así tamén, concederase permiso de traballo para aquelas persoas que teñen permiso de residencia por reagrupamento.

3. A apertura dunha nova vía para que as persoas que non teñen papeis poidan regularizar a súa situación mediante cursos formativos enfocados a nichos que necesiten man de obra.

4. A flexibilización do traballo por conta propia, limitada ata o momento para grandes inversores.

5. A facilitación da contratación en orixe de traballadoras e traballadores temporais, restrinxida ata o momento polo obsoleto catálogo de ocupacións de difícil cobertura que agora se pretende mellorar e complementar coa posibilidade de que as persoas empregadoras acrediten as dificultades de contratación no mercado interno.

Por moito que se vaia repetir nos vindeiros días por quen pretenda sacar rédito electoral do debate migratorio, non se trata dunha regularización xeneralizada da poboación que se atopa en situación irregular, como a que levan solicitando dende a pandemia numerosas organizacións e movementos sociais, estimada por eles en 500.000 persoas e que agora reivindican cunha campaña de recollida de firmas para presentar en forma de iniciativa lexislativa popular.

E non se trata, tampouco, dun cambio de modelo. Como explica o catedrático emérito de Socioloxía, Antonio Izquierdo Escribano, o modelo migratorio define cal é o lugar que os inmigrantes ocupan na xerarquía social. Centrándose nas diferencias culturais, asígnaselles unha posición social inferior e subalterna en todos os ámbitos, empezando, claro, polo laboral. Á poboación inmigrante atribúenselle, en esencia, os espazos laborais con peores condicións, salarios e menor recoñecemento. Son, na súa maioría, as persoas que sosteñen a costa de baixos salarios o sector da construción, a restauración, a agricultura, e, elas, as mulleres que se ocupan dun sistema de coidados privatizado e precario, que, ata a pasada semana, coa ratificación do Convenio 189 da OIT, nin tiñan dereito a paro.

Migración e dereitos

Non hai nada na proposta de regulamento que indique que se pretende cambiar o rumbo, e que xunto ás políticas de acceso ao mercado laboral, fundamentais, se aposte por reforzar o control sobre as súas condicións nas que traballan, nin por políticas facilitadoras do proceso de integración acordes co recoñecemento da inmigración como aporte esencial ao corpo social. Todo o contrario, as propostas falan de temporalidade, de excepcionalidade, de retorno, de traballadores tolerados ao estilo da figura alemá, de man de obra temporal perfectamente substituíble, ignorando os datos que informan do seu asentamento.

Apenas uns días despois de que se certificara a fin do voto rogado para a poboación española residente no exterior, e benvido sexa, cabe recordar que máis de cinco millóns de persoas que viven, traballan, levan a cabo os seus proxectos vitais en España, e polo tanto, son destinatarios das súas políticas, non teñen opción algunha de incidir nas mesmas (agás nalgunhas excepcións nas eleccións locais). É dicir, que a política migratoria de visión económica curtopracista, segue ignorando dereitos sociais e políticos, segue sometendo os dereitos das persoas aos intereses da economía produtiva. Dereitos económicos temporais a cambio de man de obra especializada precaria.

Comentarios