luns 20.01.2020
A Garda de Costas e Fronteiras, xa operativa

UE: máis control de fronteiras, menos dereito de asilo

Nun momento en que a crise de refuxiados se agrava e un día despois de que chegasen, nun só día, máis de 11.000 persoas ás costas de Italia, a UE pon en marcha un novo corpo policial que terá como obxectivo “identificar os puntos febles e corrixilos antes de que sexa demasiado tarde”

Muro entre Hungría e Serbia construído en 2015
Muro entre Hungría e Serbia construído en 2015

Esta nova forza, que remodela a axencia FRONTEX , entra hoxe en funcionamento na fronteira entre Bulgaria e Turquía, principal ponto de entrada terrestre de migrantes.

A nova axencia chámase Garda Europea de Costas e Fronteiras. O seu presuposto, que superará os 330 millóns de euros en 2020, duplica o de Frontex. Contará co triplo de efectivos, 1.000 empregados, e 1.500 máis cedidos polos estados membros (o estado español aportará 111 axentes) e listos para intervir nun máximo de tres días. 

O novo corpo europeo substitúe  a Frontex, reforzando sensibelmente esta axencia, tanto en orzamento como en efectivos que estarán listos para intervir nun máximo de tres días a partir do mes de decembro. Outra das características da nova axencia que hoxe entra en funcionamento é que poderá adquirir o seu propio material, antes cedido polos estados membros. 

Será o Consello da UE, e non a Comisión como inicialmente estaba previsto, quen autorice o envío da nova policía en casos de urxencia

Será o Consello da UE, e non a Comisión como inicialmente estaba previsto, quen autorice o envío da nova policía en casos de urxencia, e se o estado afectado recusar a intervención dos gardas de fronteira, os outros países, especialmente os viciños, poderían introducir mecanismos de control nas fronteiras interiores do espazo Schengen.

O novo corpo policial “será capaz de identificar os puntos febles e de os corrixir antes de que sexa demasiado tarde” prometeu  Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, o mesmo que dixo que  “os europeos non podemos esquecer o importante que é o dereito ao asilo, un dos valores máis importantes que existen. A pesar da nosa fraxilidade, da nosa propia percepción de debilidade, hoxe é Europa a que buscan como lugar para o refuxio e o exilio. Europa é, con moito, o lugar máis estable e rico do mundo" 

A Garda de fronteiras ponse en marcha nun contexto de fracaso total dos planos de relocalización de migrantes adoptado hai un ano pola UE e que apenas permitiu repartir 5651 demandantes de asilo procedentes de Grecia e Italia, segundo os datos publicados o pasado 28 de setembro polo executivo europeo, cando o obxectivo inicial era recolocar 160,000  persoas, obxectivo posteriormente rebaixado a 54.000,  procedentes destes dous estados en dous anos.

comentarios