Nova crise no Goberno británico: dimiten os ministros de Saúde e Facenda

Tanto Sajid Javid como Rishi Sunak encabezaban as listas de candidatos a suceder Boris Johnson.
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, e o ex ministro Rishi Sunak. (Foto: Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro británico, Boris Johnson, e o ex ministro Rishi Sunak. (Foto: Europa Press)

Os ministros de Saúde e Facenda de Reino Unido, Sajid Javid e Rishi Sunak respectivamente, presentaron esta terza feira a súa dimisión após "perder a confianza" no primeiro ministro británico, Boris Johnson.

Nunha carta enviada a Johnson, Javid afirmou que "foi un privilexio" que lle pediran "volver ao Goberno para servir como ministro de Saúde e Atención Social nun momento tan crítico" para o Reino Unido.

Aliás, o xa ex ministro criticou duramente o dirixente pola moción de confianza á que se tivo que enfrontar o pasado mes debido ao escándalo das festas nas que participou durante os peores meses da pandemia.

Javid lamentou que, pese a que os conservadores "foron competentes ao actuar no interese nacional" do Reino Unido durante boa parte da lexislatura, a poboación xa non ten esa consideración do partido no goberno.

Responsabilidade de Boris Johnson

Para os dous ex ministros, este cambio de percepción do Goberno británico é responsabilidade de Boris Johnson. "Lamento dicir que está claro para min que esta situación non cambiará baixo o seu liderado e, polo tanto, tamén perdeu a miña confianza", recoñeceu Javid.

Pola súa parte, Rishi Sunak asegurou que o actual primeiro ministro do Reino Unido non cumpre cos estándares de conduta que se lle presupoñen ao cargo que ostenta.

Os dous antigos integrantes do Executivo británico estaban entre os principais candidatos a substituír Johnson no caso de que este acabase dimitindo do seu cargo á fronte do país.

Comentarios