Nova Caledonia vota este domingo nun referendo de autodeterminación se quer independizarse de Francia

Máis de 174.000 persoas poderán votar na consulta para decidir o futuro deste arquipélago de Oceanía.

caledonia

Este domingo, 4 de novembro, Nova Caledonia realizará  un referendo de autodeterminación para decidir o seu status político: se continuar a ser un territorio autónomo francés ou ben converterse nun estado independente. Por volta de 174.000 persoas deste arquipélago situado a uns mil quilómetros de Australia poderán participar nesta consulta. A pregunta á que deben responder é: “Quere que Nova Caledonia se converta nun estado independente ou que continúe sendo parte de Francia?”, segundo informa Nationalia.

En principio, parece asegurado o triunfo do non á independencia. Enquisas e sondaxes apuntan a que 60% da poboación votaría seguir sendo parte de Francia, estado que ocupou este territorio en 1853. Porén, para os independentistas, o simple feito de que este referendo se faga é xa unha vitoria. Lembran, ademais, que segundo o acordo acadado con París no seu día, Acordos de Noumeá (1998), o referendo pode repetirse en 2020 e 2022.

Nova Caledonia dispón de parlamento e goberno autónomos. Nestes menos de 200 anos de dominio francés, a poboación orixinaria (canaca) pasou de ser amplamente maioritaria a ser actualmente 39% dos habitantes da illa (eran case 50% en 1963). Son o sector máis empobrecido e vulnerábel, e maioritariamente partidarios da independencia. Os europeos son 27% dos habitantes deste arquipélago, 8% son polinesios procedentes doutras illas e 16% pertencen a outros grupos ou ben simplemente se definen como “caledonios”.

O independentismo canaco empezou a agromar como forzas políticas na década dos 70, sempre cunha tendencia de esquerdas. En 1984 naceu unha ads súas organizacións máis representativas e baluarte na loita “contra a colonización”, o FLNKS, Fronte de Liberación Nacional Canaco Socialista.

O referendo que ten lugar este domingo está previsto na constitución francesa, que foi modificada no seu día para recoñecer este dereito a Nova Caledonia en virtude duns acordos asinados após uns anos, na década dos 80, marcados polos enfrontamentos armados.

Comentarios