Vlogue de Xosé Mexuto

Unha nova boa xogada de Puigdemont

"En Dinamarca hai certa estupefacción ao ver un president eleito tendo que fuxir da xustiza española", afirma o director deste diario dixital no seu vlogue.

Para Xosé Mexuto, o deslocamento de Puigdemont a Copenhague -onde onte impartiu unha palestra e esta terza feira mantén unha reunión con parlamentares independentistas das Illas Feroe e Groenlandia- é "unha intelixente xogada política" que obtén de España a resposta de sempre, neste caso un amago de reactivación da euro-orde de detención contra o líder catalán.

O movimento de Puigdemont perseguiría dous obxectivos básicos. O primeiro, o de continuar a internacionalizar o conflito de Catalunya co Estado. O segundo, o de continuar a ligar as demandas catalás á causa da democracia, argumenta Mexuto.

O director de SermosGaliza.gal ve "interesante" tamén o envío dunha misiva a Rajoy, con petición de entrevista incluída, por parte de Roger Torrent, flamante novo presidente do Parlament. É un aceno político que mostra o seu "bon talante" -a súa disposición ao diálogo- e que volta a colocar "a pelota no tellado" do Estado.

Comentarios