Nova alianza federalista gala, "o desquite dos xirondinos"

Cinco partidos de cinco territorios diferentes co mesmo obxectivo: camiñar cara a unha Francia descentralizada que respecte o dereito de libre determinación dos pobos que a compoñen. Pays Unis nace para iso precisamente, para "unir" forzas ante un Estado unificador no ámbito lingüístico e cultural; no ámbito político e nacional.
pays_unis
photo_camera Sinatura do documento fundacional da federación Pays Unis, o pasado sábado en París (Foto: Pays Unis)

O vindeiro mes de abril a cidadanía francesa elixe presidente, mais non será nestes comicios senón nos de dous meses despois ─os convocados para renovar os 577 asentos da Cámara baixa─ cando se estree a alianza Pays Unis ("Países Unidos"). Son cinco ─da Bretaña, de Euskadi, de Lorena, de Occitania e da Provenza─ os partidos fundadores, co obxectivo en común de camiñar cara a unha Francia federal, "fundamentada no principio do particular dereito dos pobos á libre determinación".

"A creación da federación Pays Unis [...] constitúe nada menos que o regreso da primeira escisión na vida política francesa desde o século XVIII, a que se produce entre xacobinos e xirondinos. O lanzamento desta federación representa, pois, o pano de fondo do futuro desquite dos xirondinos", sinalan na nota de prensa emitida tras a reunión fundacional desta fin de semana.

A visión centralista da Administración en Francia, herdeira da concepción do xacobinismo histórico que na época da Revolución (1789-1799) defendía un Estado forte e unha única nación indivisíbel, continúa a marcar a política francesa. 

Aquela dinámica, que procuraba erradicar co caciquismo dos poderes locais, fixo tabula rasa e acabou por fagocitar e diluír nacións, linguas e culturas dentro da nación, lingua e cultura única recoñecida: a francesa. 

Un representante de cada un dos cinco partidos fundadores fai parte da dirección de Pays Unis, co compromiso de seren postos rotatorios. O Partido Bretón (Strollad Breizh) ostenta a Presidencia; Bastir Occitanie, a vicepresidencia; o Parti Lorrain, a tesouraría; o Partido Nacionalista Vasco (PNV), a secretaría xeral; e Prouvènço Nacioun, a portavocía. A sede da federación ficou estabelecida en Baiona, no Iparralde vasco, "pola súa dimensión simbólica, transfronteiriza e europea".

A alianza de varios partidos sen representación en todo o Estado permite acceder ao financiamento público para a campaña das lexislativas. Pays Unis pretende presentar candidatos en 150 das 577 circunscricións. 

Pays Unis e Régions & Peuples Solidaires: dúas listas, mesmo fin

Pays Unis non é a primeira nin a única organización que agrupa formacións políticas de nacións e territorios baixo soberanía gala. A federación Rexións e Pobos Solidarios (R&PS, Régions & Peuples Solidaires), da que fan parte partidos soberanistas e federalistas alsacianos, vascos, bretóns, cataláns, corsos, occitanos e saboiardos, opera desde xuño de 1994, cando presentou unha lista conxunta ás eleccións ao Parlamento Europeo. O pasado 5 de xaneiro publicou as súas bases programáticas de cara ás lexislativas de xuño, así como o "Manifesto por unha República federal". 

"O Partido Bretón tentou unirse a R&PS, mais a UDB [Unión Democrática Bretoa, máis escorado á esquerda], que xa é membro, opúxose", segundo explicou o portavoz do Partido Bretón, Joannic Martin, en declaracións ao diario Le Télégramme. 

Comentarios