Carlos Carrizosa: "A nosa preferencia para gobernar está co PSC"

Carlos Carrizosa (1964) é o candidato de Ciutadans á Presidencia de Catalunya nas eleccións do 14 de febreiro. O partido nomeouno número un a pesar de Lorena Roldán gañar as primarias. En decembro, Roldán foise ao PP. Nós Diario recolle esta entrevista a Carrizosa organizada pola Agència Catalana de Notícies.
A formación laranxa leva Carlos Carrizosa como candidato (Foto: Europa Press)
photo_camera A formación laranxa leva Carlos Carrizosa como candidato (Foto: Europa Press)

Está disposto a participar nun Goberno con Vox ou a facilitalo?

Un Goberno con Vox non se atopa en absoluto nas nosas intencións, e non o queremos. Xa dixemos que quereríamos un Goberno constitucionalista. E a nosa preferencia é co Partido Socialista. Queremos dar un cambio á sociedade catalá e non ter o mesmo: un Goberno independentista ou un tripartito con ERC.

Que papel tería o PP nese Goberno, considerades o seu apoio?

Tanto o PP como Vox terán que decidir se queren un cambio nos Gobernos de Catalunya e o que nunca tivemos: un Govern sen forzas nacionalistas ou independentistas.

O socialismo sempre gobernou con ERC e escorou a política catalá cara á mesma banda. Nós optamos por un cambio absoluto de paradigma. Espero que o PSC se anime a formar Executivo e que PP e Vox non teñan outra opción que apoiar un Goberno de cambio. Pero para ter isto é importantísimo que se mobilice a poboación que quere mudanza. E que se mobilice votando Ciutadans, pois só se Cs é forte, e suma co PSC, haberá cambio. Se non obrigamos o PSC a pactar con Cs, os socialistas farano con Podemos, e xa sabemos con quen pactarán os dous se suman: con ERC.

O verdadeiro cambio implica ter un Cs forte, e que o resto de partidos constitucionalistas sexan responsábeis e apoien un cambio.

As enquisas prognostican unha caída de Cs.

A caída refírese aos resultados dos 36 deputados que sacamos en 2017. E desde o tropezo de hai un máis dun ano no Congreso, a intención de voto non deixou de medrar. Hai 36% de indecisos. Aspiramos a unha boa participación e que os indecisos acaben inclinándose por Cs.

Non atribúe a caída a facer unha oposición moi dura? 

Somos un partido liberal, de centro, moderado. No social podemos pactar coa esquerda ou a dereita para aplicar medidas para a cidadanía, que está moi angustiada pola crise. A nosa localización ideolóxica é moi clara. Somos a familia liberal. Quereríamos para Catalunya e o resto de España grandes acordos coa familia conservadora, socialdemócrata e liberal. É o que se fai no resto de Europa. Non sei por que aquí non. 

Co contexto que tivemos de política populista nacionalista, distinguímonos pola nosa firmeza en defensa da democracia e pola denuncia dos excesos populistas. O noso discurso non é duro, si é claro na defensa da democracia. Nós non demos golpes á democracia. Non abrazamos terroristas. 

A que atribúe a caída, pois?

Á polarización moi grande que hai en España e Catalunya. Temos partidos que desde o populismo teñen o control absoluto dos medios de comunicación públicos. E desde aí tensan a sociedade e crean división. Logo, ao amparo do populismo, saíron outros populismos, de dereitas. E nacionalistas, pero doutro signo. E nós atopámonos un pouco no medio desta polarización da política. A defensa das nosas institucións, as nosas liberdades, non pode ser nunca clasificada como radical.

Se o independentismo supera 50% aceptaría a independencia?

Nunhas circunstancias como estas e nunhas eleccións autonómicas, pensar que superar 50% quere dicir ter o apoio para facer unha declaración unilateral de independencia é ignorar os ordenamentos xurídicos democráticos da nosa contorna. Para mudar unha norma como o Estatut fan falta dous terzos do Parlament, unha norma que nos demos os propios cataláns.

Que agora haxa unha parte da poboación que apoie unha opción que diga que declarará a independencia é absolutamente antidemocrático, por moito que neste momento saquen 50% dos votos.

Comentarios