Nos EUA hai máis armas que habitantes

Faise unha semana do masacre homófobo de Orlando e facemos unha radiografía do estado do acceso ás armas de fogo nos EUA, un país no que hai máis armas que habitantes, segundo dos dados do Congreso.

armas
photo_camera Armas

Na madrugada do pasado domingo tiña lugar nun clube LGTBI de Orlando un masacre perpetrado por un norteamericano homófobo. A raíz deste ataque volveu abrirse o debate arredor do acceso ás armas de fogo nos EUA, un país onde cada día, cando menos, 30 persoas resultan feridas por este tipo de artefactos.

O país que “loita contra o terrorismo mundial” ten un grave problema co uso das armas de fogo. O propio Congreso advirte de que nos EUA hai máis armas que habitantes. E é existen entre 270 e 310 millóns de armas de fogo e estímase que no 37% dos fogares existe un adulto que posúe, cando menos, unha. Aliás, este negocio move, ao ano, uns 10.000 millóns de dólares.

Nos EUA o dereito a portar armas recóllese na segunda emenda da constitución, unha emenda que ten distintas interpretacións. Mentres hai persoas que cren que ese dereito está estabelecido unicamente para unha milicia organizada, outras persoas cren que inclúe os individuos a nivel particular.

Entre 2001 e 2011 os sucesos nos que houbo armas de por medio deixaron 40 veces máis falecidos que os ataques cualificados polas autoridades como terroristas

Segundo as cifras do Departamento de Xustiza e o Consello de Relacións Exteriores dos EUA, entre 2001 e 2011 os sucesos nos que houbo armas de por medio deixaron 40 veces máis falecidos que os ataques cualificados polas autoridades como terroristas. Só en 2015 morreron, en total, 462 persoas e resultaron feridas arredor de mil após 300 tiroteos.

A Asociación Nacional do Rifle

O presidente dos EUA, Barack Obama, chegou a recoñecer que o país gastou un billón de dólares para evitar ataques terroristas “e, non obstante, temos un Congreso que explicitamente nos impide recolectar a información sobre como poderiamos potencialmente reducir as mortes con armas de fogo. Como é posíbel?”. As persoas expertas aluden aos grupos de presión e mais ao negocio da industria armamentística para explicalo.

A Asociación Nacional do Rifle, fundada en 1871, é un dos máis importantes lobbies nos EUA. Con 5 millóns de persoas sociais, este colectivo ten influencias sobre os membros dos principais partidos políticos –nomeadamente sobre os republicanos- e posúe capacidade de mobilización de votantes. Para as eleccións de 2016, a asociación apoiou de maneira explícita Donald Trump.

Comentarios