O norte lidera os novos contaxios diarios en Portugal

A rexión do norte, a máis próxima á Galiza, rexistra 46% dos casos de todo Portugal.
Camiñante nunha rúa da cidade do Porto (Foto: Diego Baptista / Zuma Press / Europa Press)
photo_camera Camiñante nunha rúa da cidade do Porto (Foto: Diego Baptista / Zuma Press / Europa Press)

O Norte é a rexión de Portugal con máis casos diarios detectados de coronavirus no conxunto do país, segundo os datos divulgados esta cuarta feira, 21 de abril, no boletín epidemiolóxico conxunto da Direção-Geral da Saude e do Instituto Nacional de Saúde Doutor Ricardo Jorge. As cifras amosan que o Norte superou os datos de Lisboa e Vale do Tejo, identificándose nel 285 novos infectados da Covid-19, o que representa 46,72% dos casos reportados na última xornada no Estado. Desde 25 de febreiro non se atopaba un número máis elevado no Norte. Daquela foran detectados 326 novos casos. 

En canto ao conxunto do Estado, os datos fornecidos este 21 de abril amosan que o índice de transmisión do coronavirus descendeu para 0,98, mentres que a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días subiu para 72,7.

Os datos anteriores, publicados na segunda feira, amosaba unha incidencia acumulada de 71,8 casos por cada 100.000 habitantes.

Estes son os indicadores definidos polo Goberno portugués para avaliar a evolución do desconfinamento que iniciou o 15 de marzo. Catro días antes, cando se presentou a estratexia desa desescalada, o primeiro ministro luso, António Costa, avisou de que a reapertura sería revisada sempre que Portugal pasase dunha incidencia acumulada de 120 contaxios diarios por cada 100 mil habitantes a 14 días ou sempre que o índice de transmisión ultrapasase 1.

Aliás, Portugal notificou nesta xornada un falecemento coa Covid-19 e 610 novos casos. A Direção-Geral da Saúde sinalou que se atopaban internados en enfermaría 397 doentes, 32 menos que na terza feira, e 110 en unidades de coidados intensivos, tres menos que o día antes.

Segundo os datos gobernamentais, 16.952 persoas faleceron en Portugal desde o inicio da pandemia dos 832.255 casos de infección confirmados.

25 de Abril 

En comunicado público, a Associação 25 de Abril, unha das entidades que constitúe a comisión promotora do desfile conmemorativo da Revolução dos Cravos (que en 2020 non se realizou a causa da pandemia), sinala que este ano si haberá desfile, mais, dada a situación epidemiolóxica, non haberá participación libre e só se poderá integrar o desfile con convite. Iso si, ao igual que no ano anterior, chaman a cantar  o "Grándola Vila Morena" desde varandas e xanelas. 

Comentarios