Crise no Constitucional

A Fiscalía do TC pide recusar dous xuíces conservadores co mandato caducado

A quinta feira presentarase unha Proposición de lei para sortear o bloqueo do Constitucional acordada pola coalición gobernamental e as forzas soberanistas.

O presidente estatal, Pedro Sánchez, chegando onte ao Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O presidente estatal, Pedro Sánchez, chegando onte ao Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Á hora de feche desta edición, o Tribunal Constitucional (TC) español debatía o recurso do Senado contra a decisión das e dos maxistrados do órgano da pasada segunda feira de suspender a tramitación parlamentar dunha mudanza no sistema de elección dos xuíces do TC no seo do Consello Xeral do Poder Xudicial, criticada por expertos legais e polo campo progresista, que a cualificou como un “golpe brando xudicial”.

O Senado reclamou que a apelación ficara resolta antes de hoxe, cando estaba previsto o debate e votación da reforma, subliñando que a decisión do TC é “unha perturbación da máxima gravidade” contra o Poder Lexislativo, así como unha “actuación desproporcionada” e un “precedente de consecuencias imposíbeis de predicir” despois de non ser aplicada nas últimas catro décadas unha medida así a nivel estatal, pero si territorial, despois dos vetos ao Parlament de Catalunya por debater sobre autodeterminación ou tratar de votar o rexeitamento á monarquía española.

No documento, a institución fai fincapé na improcedencia de que o tribunal paralice a tramitación no Senado cando o recurso de amparo admitido no que se solicitaba esta medida, efectuado polo Partido Popular (PP), ía dirixido contra o Congreso, que xa deu luz verde á norma a pasada quinta feira.

A pesar de que no caso de que o TC acepte o recurso á suspensión da tramitación a reforma podería proseguir, medios estatais apuntan das baixas posibilidades desta opción por mor da maioría conservadora no tribunal (6 a 5), con catro xuíces co mandato caducado desde xuño, co que poden volver vetar unha mudanza legal que acabaría co seu posto ao permitir a remuda.

Dous deles, incluído o presidente do TC, rexeitaran a proposta para recusarse por ser parte implicada. A pesar disto, a Fiscalía do TC defendeu antes do comezo da sesión de onte que deberían ser apartados da decisión, avalando a impugnación do Senado.

Proposición de lei

En cambio, a coalición gobernamental de PSOE e Unidas Podemos, xunta os socios da investidura, principalmente forzas soberanistas, presentarán a quinta feira, en base a fontes parlamentares citadas por Europa Press, unha Proposición de lei coas emendas vetadas polo TC, sostendo que en todo caso non chegarán a debate no lexislativo até comezos de 2023.

Ademais, na sesión no Senado, o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, acusou o líder da oposición e do PP, Alberto Núñez Feixoo, de apenas conseguir “enmudecer” o lexislativo desde que saltou á política estatal. Pola contra, Feixoo aseverou que Sánchez está a reducir a “cinzas” a democracia, criticándoo “por descualificar o TC” e aplicar “o manual de obediencia aos independentistas”.

Comentarios