David Minoves, presidente do CIEMEN

“Non había un plan claro para despois do 1-O”

David Minoves é presidente do Centre Internacional Escarréper les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN) e fai parte do Secretariado Nacional da Assemblea Nacional Catalana (ANC). Cunha longa traxectoria na militancia social e política no soberanismo, Minoves analiza nesta conversa, e desde unha perspectiva (auto)crítica, o referendo de autodeterminación catalán do 1-O e o que viu despois. Eis un extracto da entrevista, publicado no número 307 de Sermos Galiza.

David Minoves_Xaquín Soliño
photo_camera [Imaxe: Xaquín Soliño] David Minoves

3Do 1-O ninguén discute que marca un punto de inflexión. Que salientaría da celebración dese referendo?

O 1 de outubro formúlase en teoría como un referendo de autodeterminación unilateral e dáse por feito que ese referendo vai arroxar un mandato democrático desde o que poder transitar da lei á lei, nun escenario de decretos de transitoriedade que permita pasar a unha fase de consolidación da República catalá. O referendo acábase realizando grazas á participación activa dun movemento popular, non estritamente institucional, unha administración electoral realizada por persoal voluntario e unha loxística que é posta a disposición do referendo de maneira tamén popular. Podemos dicir que o 1-O non sendo un referendo cos estándares internacionais si foi un exercicio democrático de primeira magnitude, que ten lugar co Estado español en contra.

Que sucede a partir do día 2? Por que unha vitoria popular non logra traducirse na práctica?

Hai unha serie de preguntas que non teñen unha resposta compartida por parte dos actores que até o momento do referendo actuaron de maneira absolutamente coordenada nunha comuñón perfecta: partidos políticos, movementos sociais, institucións e poboación en xeral. Iso explica a indecisión até o 10 de outubro do primeiro intento de proclamar a República, as dúbidas até o 27 de outubro –seguramente porque se sabía que non se dispuña dos instrumentos para facer efectivo o mandato–, cunha poboación  que estaba agardando instrucións que non eran claras e uns movementos sociais que cederan toda a súa capacidade de incidencia política en favor da realización do referendo e non da posterior presión aos actores institucionais para que fixesen efectivo o mandato popular, e ademais engádese unha represión brutal que descabeza os liderados. Todo iso deixa sen respostas comúns preguntas como 'o 1-O foi un referendo cun mandato claro ou unha grande mobilización popular?’, ‘Gañouse ou perdeuse?', 'Temos República ou inda non a temos?', 'Non logramos os obxectivos por un problema de correlación de forzas ou é cuestión de falta de valentía dos dirixentes?'. Non hai un diagnóstico compartido.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios