Non foi só EEUU: soldados españois tamén mallaron en prisioneiros iraquianos indefensos

Un vídeo do xornal El País mostra a un grupo de soldados españois dando unha malleira en 2004 a dous detidos iraquianos na cidade de Diwaniya. As imaxes veñen apoiar as denuncias realizadas por colectivos humanitarios sobre o comportamento das tropas na ocupación de Iraq, algo negado polos gobernos españois reiteradamente

Alertábano organizacións de dereitos humanos que traballaron en Iraq sobre o terreo após a invasión do país por unha coalición militar comandada por EEUU. Non só o exército estadounidense maltrataba, torturaba ou aldraxaba prisioneiros indefensos. Era, advertían, un feito común en maior medida a todas as tropas envolvidas na invasión de Iraq. Esas advertencias ignoráronse por gobernos e medios de comunicación dos estados europeos. Mais, pouco a pouco, foron saíndo casos deste tipo en diferentes exércitos, coma o británico.

E agora acaba de saír á luz por un vídeo do xornal El País que mostra a un grupo de soldados españois dando unha malleira en 2004 a dous detidos iraquianos na cidade de Diwaniya. Cinco soldados entran nunha cela e empréndena a patadas e golpes reiterados contra dous detidos indefensos que estaban deitados. Destes só se ouven os laios e queixas. Dos soldados españois, o esforzo que empregan na malleira.

O ministerio de Defensa xa sinalou que ía abrir unha investigación sobre os feitos. Uns feitos que o Estado español sempre se gabou de que o seu exército non facía (era un exército humanitario)

Comentarios