CRÓNICA DENDE UK

A noite na que o Reino Unido quedou mudo

Os grandes vencedores foron Cameron e Escocia, mentres que os grandes derrotados da noite foron o partido laborista, Nick Clegg e o UKIP de Nigel Farage. O inesperado desenlace deixou tanto á sociedade como aos analistas fóra de xogo.

BBC durante as eleccións en Reino Unido
photo_camera Sede da BBC durante a noite electoral


10 p.m. da noite, hora local. Mentres se pechan en Reino Unido os colexios electorais, a BBC fai pública a súa sondaxe a pé de urna na que lle dá ao Partido Conservador de David Cameron a maioría da Cámara dos Comúns por 316 escanos. Sorpresa e silencio. Esa foi a reacción dos curiosos que se achegaron até a sede da BBC no centro de Londres para seguir en directo os resultados na longa noite electoral británica. “Se estes resultados se confirman, ninguén sabe o que vai pasar neste país nos próximos días, quen gobernará?”, sinala Susan. O certo é que segundo os datos da sondaxe da BBC semellaba que formar goberno no Reino Unido non ía ser unha tarefa fácil xa que cos 316 escanos o Partido Conservador non tiña garantida a maioría absoluta e os 239 do Partido Laborista máis os 58 do Partido Nacionalista Escocés (SNP) nunca hipotética alianza tampouco era dabondo para formar un goberno estable en Westminster. Segundo a noite ía avanzando e chegaban os primeiros resultados oficiais a realidade amosou que as enquisas unha vez máis non se achegaron a saber o que a xente pensaba e a sondaxe a pé de urna da BBC mesmo se quedou curta nas súas predicións.

Cameron is not a nice person” (Cameron non é unha boa persoa), repite coma un mantra Matt, un rapaz novo que se achegou ate a sede da BBC para facer ver a súa desconformidade co goberno de Cameron. Non pode crer os resultados e sinala que o líder conservador non fixo nada polo país, “os pobres son máis pobres e os nenos non teñen futuro”, sinala. Os resultados amosan que a sociedade non entendeu o mesmo que Matt o simplemente, como asegura Lester (outro dos londinenses vivindo a noite electoral na BBC) “os cidadáns creron o discurso de Cameron de que xa non estamos en recesión pero non se dan de conta da grande débeda que aínda ten este país e da situación de moitas familias”. Susan, pola súa banda, sinala que “as desigualdades son cada vez maiores e as familias que viven en barrios marxinais, por exemplo aquí en Londres, viven unha situación desesperada”. Porén, tamén hai xente contenta coa xestión de Cameron e do seu goberno aínda que lle custe máis amosar a súa opinión. “Eu creo que Cameron no fondo foi quen de xestionar ben os recursos do país, xogou un bo papel no referendo en Escocia e fixo que teñamos unha voz decidida en Bruxelas”. Lester sinala que ao final a xente votou facendo uso dun voto “útil” favorecendo aos partidos maioritarios. O sistema inglés de first-past-the-post (o candidato que obtén o maior número de votos queda coa circunscrición) favorece o bipartidismo e deixa pouca marxe para os partidos pequenos porque a xente vota o partido grande asegurando así que o seu voto terá posibilidades de acabar no Parlamento británico. E a diferenza do que ocorre no Estado español e en Galiza, o representante non se debe tanto ao seu partido, senón á súa circunscrición.

“As desigualdades son cada vez maiores e as familias que viven en barrios marxinais, por exemplo aquí en Londres, viven unha situación desesperada”, di Susan

Así, cos primeiros resultados sobre a mesa, mentres que adxectivos como “inesperado”, “sorprendente” ou “extraordinario” acompañaban as crónicas da vitoria do Partido Conservador e do SNP en Escocia, as informacións sobre os laboristas, liberais e independentistas do UKIP ían acompañados dos cualificativos de “doloroso”, difícil” ou fracaso”. A pesar da mala prensa e do aparente malestar do cidadáns con Cameron o certo e que os resultados falan por si solos. 331 escanos para o Partido Conservador, 232 para os laboristas, 56 para o SNP, 8 para os liberais e só 1 para o UKIP, entre outros. O certo é que os resultados da noite electoral en Reino Unido non deixaron indiferente a ninguén porque ninguén esperaba un taboleiro de marcas semellante. “A maioría da xente non ten nada en común con Cameron pero votaron os conservadores porque pensan que é o 'voto seguro', o voto menos arriscado”, sinala Lester e engade: “a xente non perdoou a mala xestión dos liberais no goberno de coalición e tanto o voto liberal como os partidarios do UKIP foron aos conservadores”. Ao final o medo a parar a 'recuperación' económica fixo ao votante darlle as costas ao partido laborista. “A campaña en si foi en negativo, baseada no medo a que unha vitoria laborista desbaratase a recuperación económica, ou a que os conservadores rematasen cos servizos sociais e creasen unha sociedade aínda máis desigual”, sinala o xornalista galego e editor asociado do xornal financeiro Money Market José Luis Fernandez.

Vencedores e vencidos

Despois de semanas anunciando os resultados máis igualados dos últimos tempos en Reino Unido, a publicación da sondaxe da BBC deixou á maioría da xente fóra de xogo. Tal foi a sorpresa xeneralizada que o propio Paddy Ashdown, antigo líder dos liberais e un peso pesado dentro do partido, comentou na BBC que se esa sondaxe era certa el mesmo comería publicamente e en directo o meu sombreiro. A propia Nicola Sturgeon, líder do SNP, sinalaba pouco despois de coñecerse que se o inquérito se confirmaba sería una noite “extremadamente boa” para o SNP. Esa noite extremadamente boa para o SNP significou o “enorme fracaso” dos laboristas que en Reino Unido en xeral, e en Escocia en particular, viviron a súa peor noite electoral desde 1993. A publicación da enquisa comezou a trazar un mapa polo país totalmente inesperado e en ningún caso previsto nas semanas anteriores.

“As enquisas daban un resultado moi igualado e aínda que se prevía que os liberais e o UKIP perderían escanos non se pensaba que irían parar masivamente ao partido conservador”, afirma a xornalista do Sunday Times Clare Pennington.

Os propios correspondentes da BBC nos feudos de Cameron en Oxfordshire e Ed Miliband en Doncaster sinalaron como aos asesores e principais colaboradores do primeiro ministro lles cambiou a cara “dramaticamente e positivamente” despois de ver os resultados. “Realmente ninguén esperaba estes resultados pero semella que os conservadores fixeron mellor as cousas do que a xente cre e foron capaces de xestionar ben temas como o referendo en Escocia ou o papel de Reino Unido na UE”, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, a xornalista londiniense do Sunday Times e analista política Clare Pennington. “As enquisas sinalaban un escenario moi igualado e, aínda que se prevía que os liberais perderían escanos, o que se pensaba erroneamente é que eses votos irían a parar ao partido laborista. O mesmo pasou cos votos do UKIP que ninguén preveu que irían a parar masivamente ao partido conservador”, engade.

As consecuencias non se fixeron esperar e, á vista dos malos resultados obtidos, os tres lideres dos partidos máis castigados demitiron inmediatamente dos seus cargos e do seu liderado no partido. Primeiro foi Nigel Farage, do UKIP, seguiulle a quenda a Nick Clegg do Partido Liberal Demócrata e finalmente Ed Miliband foi o último en admitir a derrota e deixar o seu cargo inmediatamente. “Nese sentido, hai aínda unha grande diferenza entre España e Reino Unido porque cando se produce un resultado negativo asúmese decontado a derrota e deixase pasos aos seguintes no partido”, comenta o xornalista galego afincando en Londres José Luis Fernández.

A vitoria de Cameron, segundo o propio José Luis Fernández, débese fundamentalmente a que “logrou vender a idea da recuperación económica, aínda a custa dunha austeridade brutal e de crear emprego precario”. A taxa de paro está no 5% e a economía británica é a que máis crece en Occidente. Polo visto, “moitos votantes preferiron o malo coñecido”, concede Jose Luis. A caída dos Liberal Demócratas débese, segundo a todos os analistas, á “decepción” dos seus votantes, xa que, como afirma Jose Luis, cando hai cinco anos entraron na coligazón de goberno prometeron que serían un “freo ás medidas de austeridade máis duras dos Tories”. Porén, iso non chegou a cumprirse e tiveron que dar marcha atrás a promesas como evitar a suba das taxas universitarias ou crear impostos especiais para os máis ricos. “Remataron sendo unha muleta dos conservadores, e iso normalmente págase caro”, sentencia Fernández. Os membros do partido liberal que durante a noite electoral se pasearon polas diferentes televisións amosaron o seu descontento cos resultados pero deixaron claro que a decisión que tomaron hai cinco anos fíxose “en interese do ben común e non do partido”, ademais sinalan que “a historia será mais xenerosa co partido Liberal do que foron as eleccións”.

A caída dos Laboristas, porén, segundo todos os analistas débese á falta de liderado de Ed Miliband dentro do partido e á falta de políticas que puideran convencer o electorado. Durante todos estes meses, as enquisas xa reflectían que era o líder laborista peor valorado dende que existen rexistros e o resultado foi tan malo que nin sequera o que tivese sido o seu ministro de economía, e foi estes anos líder económico da oposición, Ed Balls, logrou saír elixido na súa circunscrición. O que pasou en Escocia co partido, segundo a xornalista londiniense Clare Pennington, débese a que “eles deron por feito que volverían gañar pero non se deron conta de que ninguén entendeu a que xogaban despois do referendo” e perderon o contacto coa xente e co que os escoceses querían. “Digamos que eran o terceiro actor co que xa ninguén contaba”, aclara Clare. 

Outra das sorpresas da noite foi o “desastre” dos euroescépticos do UKIP de Nigel Farage, que foi o gran tema de conversación en Reino Unido despois das eleccións e que claramente foi perdendo importancia nos últimos meses. “O UKIP baseou toda a súa campaña na saída da UE e a inmigración e aínda que se temía que se producise un fenómeno parecido ao da Fronte Nacional en Francia, a sociedade británica demostrou ser moito máis aberta e tolerante”, sinala Jose Luis. Ademais cabe engadir, como sinalan a maioría de analistas, que os votantes do UKIP optaron probablemente por un voto útil e decidiron elixir Cameron pensando no referendo de 2017.

Todo pasa por Escocia

Se o gran titular da mañá post electoral foi a vitoria por maioría absoluta de Cameron, o outro grande titular e moito máis importante para os intereses do país foi a “aplastante” vitoria do SNP en Escocia. De feito, na súa primeira comparecencia como primeiro ministro reelixido no cargo, Cameron dirixiu as súas primeiras palabras a Escocia e aos escoceses sinalando que “Escocia terá o goberno autonómico con máis competencias do mundo e importantes poderes sobre a xestión propia dos impostos”. Pero “que pasou en Escocia tras o referendo?”, semella ser a pregunta que se fai todo o mundo. 

“Ninguén pode ignorar o que está pasando en Escocia porque o que está enriba da mesa a día de hoxe non é suficiente”, sinalou Nicola Sturgeon unha vez confirmados os bos resultados do SNP

“Ninguén pode ignorar o que está pasando en Escocia porque o que está enriba da mesa a día de hoxe non é suficiente”, sinalou Nicola Sturgeon unha vez confirmados os resultados do seu partido. A líder do SNP sinalou ademais que aínda que “esta elección non era sobre a independencia”, loitarán por conseguir esa autonomía fiscal que se lle demanda a Cameron e coa que se comprometeu durante o pasado referendo. “Traballaremos por nunha alianza progresiva que nos leve até a autonomía fiscal que nos corresponde e coa que Cameron se comprometeu”, concluíu Sturgeon.

Clare Pennington sinala que o SNP gañou tantos escanos nun “claro síntoma de descontento co Partido Laborista”, ao que engade: "O SNP é un partido nacionalista pero despois do referendo deixaron dun lado a independencia e comezaron a facer campaña en temas sociais” o que, segundo Pennington, arrebatoulle aos laboristas os seus temas “propios”.  Pero, en realidade en Escocia xa non se pensa no independentismo? “Creo que se mañá se celebrase o referendo os resultados poderían ser moi diferentes porque moita da xente do meu arredor votou 'Non' no plebiscito e agora tiveron claro en votar ao SNP”, sinala David Reboredo, estudante galego de doutorado na Universidade Strathclyde de Glasgow. Ademais afirma que “aínda que moita xente non votara polo 'Si' tiña claro que era importante votar polo SNP para ter peso en Londres e negociar con garantías”. 

Paradoxalmente, a “euforia” que se vive nas rúas de Escocia estes días vai acompañada dunha estraña satisfacción polos resultados obtidos polo partido conservador xa que, como comenta David, “Cameron xa non ten escusas para afrontar o seu compromiso na cesión das competencias fiscais a Escocia”.  Con todo iso, a “sorpresa” polos desastre laborista en Escocia segue a sorprender e no propio partido, como sinalaba un membro do Partido Laborista en Escocia á BBC, están ante un “tempo extremadamente difícil”. “Probablemente o que fallou é que o partido laborista perdeu a conexión coa comunidade local que si foi quen de manter e implantar o SNP”, sinala Clare Pennington. Ademais, segundo David, que leva vivindo en Glasgow catro anos, o problema dos laboristas semella ser Ed Miliband que é tachado por moitos como unha persoa “despiadada, que non sabe falar e non lle gustaba a case ninguén”. O problema, ademais, engade Reboredo é que non parece que haxa unha alternativa viable neste momento para eles. 

Así e todo, a Escocia ábreselle ante si un período de negociacións e de futuro que irremediablemente acabará na consecución dunhas maiores taxas de autonomía fiscal. “Reino Unido e Escocia son dous países con realidades políticas totalmente diferentes: Escocia ten un goberno de esquerdas que mira ás socialdemocracias escandinavas e que encontrou nos conservadores de Cameron ao seu inimigo perfecto”, sinala Jose Luis Fernandez ao que engade: “aínda que en principio prometeron non facer outro referendo, resulta difícil de crer á vista dos seus resultados”.

Cameron e a UE

Cameron, pola súa banda, ten por diante unha lexislatura difícil. Non só ten que saber gobernar a auxe do SNP, senón que tamén debe ser quen de manter a ala euroescéptica do seu partido controlada. Na súa comparecencia deu por confirmado que o referendo de 2017 para decidir a permanencia ou non do Reino Unido na UE celebrarase. Agora, como sinala Clare Pennington, “a verdadeira dor de cabeza para Cameron será o seu propio partido e ser quen de convencer e manter contenta á ala máis conservadora do seu propio partido”. A decisión de manter no cargo de ministro de Asuntos Exteriores o euroescéptico Philip Hammond é vista por moitos analistas como o 'guiño' necesario para manter “a raia” aos antieuropeístas dentro do partido e de cara ao futuro referendo.

“Durante todos estes anos houbo unha sensación de que o Reino Unido perdera soberanía en favor das institucións europeas, e agora Cameron conta co apoio para ser un negociador moito máis duro en Bruxelas”,

“Durante todos estes anos houbo unha sensación de que o Reino Unido perdera a súa soberanía en favor das institucións europeas, e agora Cameron conta co apoio para ser un negociador moito máis duro en Bruxelas”, sinala José Luis Fernández. Ademais engade que a proposta do referendo que fixo para neutralizar o UKIP saíulle perfecta a Cameron pero agora “ten que cumprir a súa promesa”. Co tema de Escocia sobre a mesa, terá que apoiar ao mesmo tempo a permanencia de Escocia en Reino unido, e a de Reino Unido na UE para non caer en contradicións. E o resultado dese referendo é moi incerto: os 4 millóns de votantes do UKIP votarán en contra, e dentro do partido conservador hai tamén moitos votantes partidarios de abandonar a UE. “O tema da posible saída da UE ou "Brexit" é, xunto á relación con Escocia, o gran reto de Cameron para os próximos anos”, conclúe o xornalista José Luis Fernández.

O papel dos medios e as novas tecnoloxías

“A diferenza do que ocorre en Galiza, onde o debate político vivise nun enfrontamento constante. Os británicos, pola contra, son moito máis prudentes e votan o partido que cren que o fará mellor nese momento”, sinala José Luis Fernández. Esa prudencia transmítese en xeral nos medios, e en particular na BBC onde os opinadores son moito máis independentes e recórrese a expertos na materia ou a xornalistas que levan tempo seguindo a información electoral. O certo é que nas 12 horas ininterrompidas de emisión da BBC polos seus diferentes platós pasaron tanto expertos en comunicación política e electoral como xornalistas de medios como The Guardian ou The Times, así como membros e antigos membros dos diferente partidos políticos. Cabe salientar as conexións vía Facetime ou Skype que se realizaron cos diferentes puntos do país durante a noite con membros dos partidos deixando claro o medo 'cero' no uso das novas tecnoloxías.

A diferencia do que ocorre con TVE no Estado español ou a TVG en Galiza, a BBC xoga aquí un papel capital e é un actor principal e unha voz autorizada e respectada en todo o proceso electoral. A súa enquisa a pé de urna foi a primeira en abrir os ollos sobre o que se aveciñaba despois de semanas falando dun empate técnico entre laboristas e conservadores. Ademais súa enquisa foi dada por boa e reproducida por todos os medios do país que a recollían en primeira páxina . Ninguén pon en dúbida a súa independencia e o seu papel de servizo público.

O peculiar do sistema británico que fai que o escrutinio sexa un proceso lento leva a que a noite electoral se prolongue até a mañá e a BBC e o resto de televisións do país como a ITV ou Sky realizaron unha programación ininterrompida de máis de 12 horas nas que seguiron paso a paso todas as informacións. No caso da BBC, foi un paso por diante das demais, non só pola súa enquisa senón polo tratamento da información e na utilización das novas tecnoloxías na explicación e retransmisión dos resultados. Á súa sede no centro de Londres converteuse nun centro de reunión a onde a xente acudiu para seguir o desenvolvimento da noite electoral,  xa que sacaron á rúa parte da información e na súa fachada principal o medio público ía proxectando os resultados como se dunha pantalla xigante se tratase. Ademais, realizaron un mapa no chan do 'improvisado' estudio no que ían cambiando a cor dos distritos electorais. Todo un despregue de medios para achegar á xente a información. Ademais, como digo, o uso das novas tecnoloxías xogou un papel importante na retransmisión en directo, xa que se creou unha Cámara dos Comúns 'virtual' na que se ía explicando en directo como quedarían repartidos os escanos unha vez finalizado o reconto.

O certo é que unha vez visto o xeito no que unhas eleccións son retrasnsmitidas en Reino Unido e en Galiza, a diferenza reside en que as informacións son moito máis dinámicas e activas. O uso dos soportes técnicos máis innovadores axuda a que toda unha longa noite de información continuada non se faga longa e aburrida.
 

Comentarios