Proceso ao Procès

O ex secretario de Estado do Ministerio de Interior con Zoido : “Tecnicamente non houbo cargas policiais o 1-O”

O secretario de Estado de Seguridade cando Juan Ignacio Zoido era ministro do Interior cualifica de “exemplar” a actuación das forzas de seguridade naqueles días e critica o despregamento dos Mossos por, dixo, ser “insuficientes, ineficaces e inoperativos”.

Jose Antonio NIeto, exsecretario de Estado de Seguridade
photo_camera Jose Antonio Nieto, ex secretario de Estado de Seguridade

José Antonio Nieto era o número 2 do daquela ministro Juan Ignacio Zoido cando o proceso soberanista catalán entraba na súa fase máis significativa. Era Nieto o cargo de Interior con máis rango sobre o terreo na preparación do operativo policial do 1 de Outubro. Na súa declaración esta segunda feira perante o Tribunal Supremo describiu a violencia policial no día do referendo catalán como “a mínima forza imprescindíbel” para impedir a votación. “Tecnicamente non houbo cargas policiais”, afirmou. Gabouse de que ningún dos policías que, afirmou, resultaran feridos nesa xornada collera a baixa.

“Os profesionais que actuaron o 1-O teñen a formación en material, a preparación e o amparo legal para cumprir co seu obxectivo en cada colexio electoral, seguramente con máis uso da forza [do que fixeron]. Priorizouse sobre a eficacia o mantemento da seguridade. Fíxose de xeito exemplar”, dixo o ex-alto cargo de Interior.

"Os Mossos non actuaban e había unha resistencia moi intensa", dixo para xustificar a actuación da Policía española.


No seu relato, Nieto cargou contra a “inacción” dos Mossos d'Esquadra, cuxo despregamento foi “ineficaz” e “insufiente”. Criticou que os axentes da policía catalá non fechasen os colexios nin resto de puntos de votación. Acusou os Mossos de non ter “o mínimo interese” en se coordinar co resto das forzas de seguridade antes do referendo e sinalou Josep Lluis Trapero como responsábel de esa “escasa colaboración”.



A respecto das concentracións do 20 de setembro diante da Consellería de Economía, o testemuño do nº2 de Interior afirmou que estas non eran “espontáneas” e dixo que aí si que “a violencia puidémola ver todos”, asentando así o relato da Fiscalía de que esa xornada houbo violencia, elemento no que basean a súa acusación de rebelión contra os líderes independentistas. Na súa declaración citou os CDR como responsábeis de “derivar cara a unha actitude violenta”.

Comentarios