O autor do ataque continúa fuxido

Un grupo local afiliado ao Daesh reivindica o atentado de ano novo en Estambul

[ACTUALIZADA ÁS 9.44 H]. 75 minutos despois de estrearmos 2017, un individuo abriu fogo indiscriminadamente contra os centos de persoas que recibían o novo ano nun dos nightclubs máis elitistas de Estambul. O balanzo provisorio, 39 persoas asasinadas. O agresor deuse á fuga. Esta segunda feira, un grupo local afiliado ao Daesh reivindicou o ataque.

Gunman
photo_camera Imaxe de vídeo en que se recollería a entrada do agresor no nightclub

O 19 de decembro, un pistoleiro abateu o embaixador de Rusia en Ankara, nunha acción que acabaría sendo reivindicada pola organización jihadista Yeish Al-Fath. Nos primeiros minutos deste 2017 un novo atentado abalou Turquía, desta volta un terrorista matou 39 persoas após abrir fogo indiscriminadamente no interior do Raíña, un ateigadísimo nightclub da zona máis exclusiva de Estambul. Un local nocturno que se debruza sobre as augas do Bósforo, cunha terraza espectacular ao ar libre e lugar de encontro habitual de estrelas do mundo do fútebol e o espectáculo.

Segundo as primeiras pesquisas realizadas pola policía turca, o agresor disparou primeiro no exterior do local o persoal de seguranza e, logo xa dentro do clube, descarregou unha chuvia de balas contra a multitude. Tivo o suficiente sangue frío para, no meio do caos e das escenas de terror que se produciron após o ataque, mudar de roupa no interior do Raíña e encetar a fuxida, deixando tras de sí a arma homicida.

Entre as 39 persoas asasinadas, 15 son cidadás e cidadáns estranxeiros, de Israel a Bélxica pasando por Xordania e Arabia Saudita. En principio nengunha delas é do Estado español. O ataque produciu, alén das vítimas mortais, 69 feridos.

Este é o sexto atentado terrorista sufrido por Turquía nos últimos doce meses e o primeiro que se produce no país após o acordo de cesar ao fogo en Siria auspiciado por Ankara e Moscova.

A primeira hora desta segunda feira sóubose que un grupo local afiliado ao Daesh asumía a reivindicación do ataque, o que confirmou as sospeitas que en todo momento manexaron as autoridades turcas.

Comentarios