Nin PP nin UPyD reproban as declaracións machistas de Toni Cantó

A oposición no Congreso e ducias de organizacións de mulleres exixen que se lle retire o seu escano de deputado e que sexa expulsado da Comisión de Igualdade, onde ostenta a portavocía de UPyD


Namentres a Federación de afectados por las leyes de género (Federgen) da as grazas ao deputado de UPyD, Antonio Cantó, por ter colocado en primeira liña informativa os bulos emitidos por este colectivo ao redor das denuncias de mulleres en situación de violencia machista, sinalando que "a maioría son falsas", as declaracións de Cantó en forma de chíos a través da súa conta persoal na rede social Twitter enfadaron á oposición e ás organizacións de mulleres.

Ducias destas últimas pediron que UPyD lle retire o escano que ostenta no Congreso d@s deputad@s e que sexa retirado da Comisión de Igualdade. Porén, a formación política non ten intención de proceder de tal xeito, pois argumentou que malia considerar que Cantó "cometeu un erro" pregan para el "unha segunda oportunidade". Na mesma liña pronunciouse o PP, que non vai apoiar a reprobación pública do deputado ao considerar que as críticas que recibiu "son suficientes".

Davila (BNG): "É inadmisíbel que sexa membro da Comisión de Igualdade"

A formación conservadora recibiu propostas de BNG, PSOE, CiU e Izquierda Plural (IU-ICV-CHA) para sacar adiante un texto de consenso na liña de censurar a conduta de Cantó durante a Comisión de Igualdade que se celebra esta cuarta feira no Congreso. Entenden que "non está lexitimado" para traballar nesta Comisión ao "atacar" co seu discurso o fundamental da loita contra o terrorismo machista: as mulleres.

Na Comisión de Igualdade, a voceira do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, decidiu sumar a súa voz a aqueloutras que piden a reprobación de Cantó ao considerar que "non podemos permitir a utilización por parte dun membro desta Comisión de argumentos difamatorios e falsos que descalifican a Lei de Violencia de Xénero".

Recalcou Davila a implicación na loita contra o terrorismo machista que leva adiante o órgano do cal tamén fai parte o deputado de UPyD e cualificou de "inadmisíbel" a súa permanenza nel. Acrecentou a nacionalista que as declaracións de Cantó "só son posíbeis cando fan parte da ideoloxía desa persoa".

Cantó teimou en repetir datos sen contrastar

O parlamentar de UPyD chegou a relacionar os suicidios de homes coas solicitudes de separación iniciadas por parte das súas compañeiras sentimentais ao denunciaren unha situación de violencia machista, e vinculou as denuncias por esta causa coas subvencións que o Estado español recibe da Unión Europea para perseguir os malos tratos ás mulleres.

Con todo, e non conforme coa ringleira de reaccións en contra que as súas opinións provocaron, Toni Cantó aproveitou unha entrevista nunha canle de televisión privada para insistir en que "nestes momentos o home está en desigualdade" perante unha denuncia "sen probas en que nin tan sequera ten a presunción de inocencia".

Aínda despois de mentir sinalando que os datos que colocou en Twitter eran do INE para ter que recoñecer despois que lle foran facilitados pola Federgen, organización que indexa os seus contidos con termos como 'feminazi' ou 'feminismo radical', o deputado de UPyD espetou que "algunha vez haberá que falar disto sen que a un o crucifiquen".

Comentarios