Plans do FMI para Chipre: Tesoirada a salarios e despedimento de 2.000 funcionari@s

O presidente de Chipre presenta un 'programa de choque' para reactivar a economía mentres as acusacións sobre implicacións de familiares seus en evasión de capitais ás portas do 'corralito' aumentan. Aliás, o FMI tería pedido a Nicosia despedimentos de funcionari@s e recortes salariais

Chipre

O goberno de Nicosia elabora un programa urxente para, asegura, reactivar a economía da illa, un proxecto que se presentou da man da posta en marcha dunha comisión que investigará a arañeira financeiro-bancaria que levou á situación actual. O presidente chipriota, Nikos Anastasiadis, adiantou que algunhas das medidas dese plan para reactivar a economía pasan por favorecer o investimento estranxeiro, exencións fiscais a empresas que reinvistan parte dos seus beneficios, botar man de fondos europeos para combater o desemprego na mocidade,... Mais tamén contemplan abrir casinos ou acelerar a explotación de xacementos de gas.

En todo caso, o presidente quixo se alonxar de enunciar medidas ou actuacións que, como recortes salariais ou nos dereitos laborais e servizos públicos, están a se barallar desde a Troika con respecto a esta illa.Mais pouco durou esa tentativa. Desde o seu propio executivo sinalaron que o FMI exixe despedimento de 2.000 funcionari@s e recortes do 5% en salarios.

Fart@s

Mentres o goberno de Chipre fala de reactivar a economía, na cidadanía seguen na indignación polas últimas novas relacionadas con escándalos. Unha firma chipriota cuxo propietario está vencellado ao presidente tería transferidos 21 millóns de euros desde o Laiki Bank (Banco Popular de Chipre) a dúas entidades financeiras con sé en Londres. Unha transacción que se realizou só tres días antes de que Chipre pactase co Eurogrupo unha quitación sobre os depósitos bancarios na Illa.

“Se esa empresa tardase só unhas horas en facer esa operación, todos os seus fondos de máis de 100.000 euros ficarían conxelados”, lembran analistas e medios de comunicación. A pregunta é se esa compañía, ligada ao presidente de Chipre, tivo información privilexiada.

Mais esta nin foi a única fuga de capitais neses horas previas ao 'corralito'.Máis de 850 millóns de euros fuxiron de Chipre neses días.

E os e as chipriotas teñen onde escoller para se indignar. Outro escándalo que estes días saíu á luz foi o da 'amnistía' de entidades financeiras a importantes débedas de personalidades da política, economía e vida pública de Chile. Máis de 12 millóns de euros que a banca condonou. A cambio de que? Pregúntanse na illa

Comentarios