Nicolás Maduro xura como presidente de Venezuela

O presidente da Asemblea, Diosdado Cabello procedeu a oficiar o xuramento do que xa é o presidente encargado de Venezuela e asegurou "facémolo agora, porque na demora está o perigo". O opositor, Henrique Capriles xunto con outr@s deputad@s da Asemblea acusaron a Maduro de incumprir a Constitución e anunciaron que boicotearán o acto de investidura por consideralo "electoral".

Tres días despois do pasamento de Hugo Chávez, o vice-presidente Nicolás Maduro vén de xurar a Constitución como novo mandatario de Venezuela. De acordo co ditame emitido polo Tribunal Superior de Xustiza, o que foi designado polo líder bolivariano como o seu sucesor poderá concorrer ás eleccións presidenciais que se desenvolverán en abril e tomar posesión como "presidente encargado" até a súa celebración. Malia as críticas da oposición e as dúbidas que a respeito da legalidade da decisión procurou verquer a imprensa transnacional, a máxima autoridade xudicial do país vén de avalar a continuidade d@s membros do executivo e o postulado de Maduro como presidente interino e presidenciábel.

A decisión constitúe unha interpretación do artigo 233 da Constitución venezolana en que se recolle que "o vice-presidente executivo (Nicolás MAduro) devén presidente encargado" e cesa no seu anterior mandato atribuínsolle polo tanto "as atribucións de xefe de Estado e de Goberno" da República Bolivariana de Venezuela. Aliás, continúa a sentenza, "pode admitir a postulación do presidente encargado para participar no proceso para elixir ao presidente da República" non ficando obrigado a separarse deste cargo durante a campaña electoral.

Neste senso, o presidente da Asemblea nacional, Diosdado Cabello aseguraba que a decisión de substituír con tanta celeridade ao comandante presidente Chávez "non é doada" mais que a realidade venezolana exixía acelerar os tempos pois "na demora está o perigo". Visibelmente emocionado, Cabello apoiou co seu xesto a toma de posesión de Maduro de acordo cos desexos expresados polo propio Chávez. Xunto a el, Jorge Arreaza, actualmente ministro de Ciencia e Tecnoloxía. 

Maduro asegurou no seu xuramento que fará "cumprir a constitución bolivariana coa man dura dun pobo disposto a ser libre" afirmando que continuará co "legado de Hugo Chávez" ao que Cabello respondeu que de o facer "seguirá a rota da construción do socialismo" encetada en Venezuela. Após tomar posesión do cargo, Maduro emprazou ao Consello Electoral Nacional (CEN) a convocar de maneira inmediata as eleccións presidenciais que poderían celebrárense a finais do vindeiro mes de abril. 

A oposición non recoñece a Maduro

Porén, o líder da oposición e gobernador de Miranda Henrique Capriles acusou ao xa presidente encargado de Venezuela de incumprir a Constitución e mesmo cuestionou a autoridade do Tribunal Superior de Xustiza para determinar que Maduro poida ou non ser presidente durante a campaña electoral. "Señores do TSX n vostedes non son o pobo, e non deciden quen é o presidente", afirmou con rotundidade Capriles que demandou ao líder bolivariano que se separe do cargo para se inscribir candidato ás eleccións, "é un xuramento expurio e inconstitucional" denunciou o opositor. No entanto, o certo é que o artigo 233 recoñece a legalidade da toma de posesión de Maduro e o máximo órgano xudicial do país, avala a decisión adoptada polo executivo. 

Henrique Capriles increpou ao presidente Maduro após o seu investimento. Neste senso, algúns d@s deputad@s da dereita rexeitaron asistir ao xuramento de Maduro argüíndo que este se celebraba na Academia militar onde repousan os restos de Chávez cando habitualmente estes actos decorren na Asemblea nacional. Aliás, anunciaron que boicotearán o acto de investidura ao consideraren "electoral". 

Comentarios