Nicola Sturgeon negocia cos Verdes para conseguir unha sólida maioría independentista en Escocia

A líder do SNP di que non é impensábel que membros do partido ecoloxista entren no Goberno escocés.

sturgeon

A líder do Partido Nacional Escocés (SNP), Nicola Sturgeon, informou que estaban en conversas cos Verdes para unha posíbel coalición de Goberno en Escocia.

Tras os resultados electorais no parlamento escocés, no que Sturgeon ficou a un escano da maioría absoluta – logrou 64, un máis que en 2016-, a líder do SNP asegurou nunha intervención en Holyrood que nas discusións para un acordo "potencialmente innovador" non están "poñendo ningún límites á ambición ".

Na súa intervención, Sturgeon dixo que, aínda que o acordo non está garantido, "non é impensábel que un pacto de cooperación poida levar a un ministro ou ministros dos Verdes no Goberno".

O partido ambientalista atinxiu nos comicios do pasado mes de maio 8 representantes no Parlamento, 2 máis que nas eleccións de 5 anos antes.

Co ascenso tanto do SNP como dos Verdes nas eleccións de maio, o parlamento escocés aumentou a súa maioría independentista durante a lexislatura anterior.

Após as eleccións de maio, a líder do SNP, Nicola Sturgeon, comprometeuse a impulsar un novo referendo sobre a independencia de Escocia na primeira metade da nova lexislatura; é dicir, nos vindeiros dous anos, mais incidindo en que a prioridade agora é abordar a crise sanitaria.

Sturgeon dixo que sería "absurdo, escandaloso e completamente inaceptábel" que o Goberno británico leve aos tribunais a lexislación aprobada polo Parlamento escocés para organizar o referendo, o que significaría "desafiar a democracia escocesa".

Comentarios