Nicaragua, o disputado legado do sandinismo

O Frente Sandinista de Liberación Nacional derrocou o somocismo o 19 de xullo de 1979. Foi a última revolución armada de esquerdas. Corenta anos despois, Daniel Ortega, volve presidir un país sacudido pola xeopolítica e atrapado na vaga restauradora que percorre América do Sur
F_5_DuplaNicaragua
photo_camera F_5_DuplaNicaragua

M_5_DuplaNicaraguaJosé Otero Castuera, de nome de guerra Pablo, é un galego que naceu no Brasil. Aos 10 anos veu vivir a Galiza. No tramo final do franquismo iniciou a súa militancia nas forzas democráticas. “O noso referente era Cuba”, explica a Sermos Galiza vía telefónica desde Vigo, onde pasa as vacacións, “e de súpeto Nicaragua converteuse noutro sopro de ilusión e de esperanza”.

O 19 de xullo de 1979, os guerrilleiros do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) entraban en Managua e liquidaban a ditadura de Anastasio Somoza, o terceiro autócrata da saga. Daniel Ortega asumía a función de presidente e a última revolución armada de esquerdas tomaba corpo. Aos dous anos de iniciado o proceso revolucionario, Otero Castuera, alias Pablo, estaba alí. “O primeiro que quero deixar claro é que non estou de acordo cos que queren derrocar Ortega”, expón ao teléfono cando é preguntado pola memoria daqueles días en que a historia lle sucedía en primeira persoa.

O 19 de xullo de 1979, os guerrilleiros do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) entraban en Managua e liquidaban a ditadura de Anastasio Somoza

Pablo, agora residente en Catalunya, viaxara á Nicaragua revolucionaria como integrante dos Comités de Solidariedade con América Latina, os daquela moi activos Cosal. “Cheguei como brigadista e asenteime”, lembra. No barrio popular de El Horizonte, en Managua. De entrada participaba en campos de traballo voluntario para construír escolas ou realizar proxectos sociais. Mais o seu oficio na Galiza era no sector das artes gráficas e chamou a atención dos seus camaradas sandinistas, necesitados de técnicos. Así acabou no cadro de persoal de Barricada, o xornal órgano oficial do sandinismo, e despois en Barricada Internacional –a versión para o exterior–.

O seu punto de vista foi privilexiado. “No subxectivo, recordo a emoción, fantástica e incríbel”, di, “desde a Revolución cubana [en 1959] o único que vivira a esquerda foran derrotas. Até Nicaragua. Que viña a dicir que era posíbel”. A Revolución Sandinista inscribíase na onda longa dos movementos de emancipación do século XX.

“Seguiamos no camiño da transformación social profunda en sentido socialista. Pero con outras cores”, resume, “por suposto estabamos, eu aínda estou, con Cuba. E, porén, Nicaragua foi doutra forma”. Pablo salienta o pluralismo político, o “amplísimo espazo para a liberdade de expresión” ou a combinación de formas estatais, cooperativas e privadas de economía. “O Estado foi laico e aconfesional, pero convivíase con distintas crenzas, o que permitiu dialogar con sectores sociais moi grandes”, sinala. O impulso durou 11 anos. En 1990, 14 partidos da dereita agrupados na Unión Nacional Opositora gañaban as eleccións, desaloxaban o sandinismo do goberno e colocaban na presidencia Violeta Chamorro.

A Contra e o cansazo

“A xente non aguantaba máis a tensión da guerra contrarrevolucionaria”, considera, “a primeira lección que aprendemos os sandinistas foi que a xente fai revolucións para que as cousas melloren. A Contra dificultouno”. Apoiada polos Estados Unidos, a agresión imperialista foi implacábel. A ela sumáronse as mutacións na conxuntura internacional –a desintegración da URSS, moi nomeadamente–.

“Once anos son moito tempo e son pouco tempo”, afirma, “dá tempo a cambiar o rostro dun país e comezar o traballo, pero é menos do que se tarda en forxar un médico ou propoñer un cambio de modelo económico”. Os 16 anos de gobernos neoliberais que sucederon ao primeiro sandinismo borraron practicamente todo rastro revolucionario. “Privatizaron todas as empresas, desmantelaron o sistema de saúde, reduciron o ensino público”, denuncia. Ese foi o panorama que, en 2006, atopou o FSLN no seu regreso ao poder, de novo Daniel Ortega á cabeza.

[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios