Só 11 estados se desmarcan do pronunciamento masivo da ONU contra o referendo de Crimea

Abrumador apoio da Asemblea Xeral da ONU a unha resolución apresentada por Kiev a favor da integridade territorial de Ucraína e contra o referendo de Crimea, en virtude do cal esta república autónoma pasa a se integrar na Federación Rusa. Obtivo o apoio de 100 estados. Só 11 votaron a prol da reunificación de Crimea e Rusia.

resoluçom
photo_camera A pantalla mostra o sentido de voto dos estados


Vitoria diplomática incuestionábel do goberno golpista de Kiev. Patrocinado polos EUA e pola UE, o executivo que derrocou o presidente Iakunovich submeteu á consideración da Asemblea Xeral da ONU unha resolución condenatoria do referendo realizado en Crimea, unha consulta que, de forma masiva, expresou a inequívoca vontade colectiva de se reintegrar no estado do que esta república autónoma fixera parte até a década dos 50 do pasado século, a Federación rusa.

O resultado da votación non deixa lugar a dúbidas: 100 estados a favor da posición de Kiev, 11 a prol da postura de Simferópol, a capital crimea, e 58 abstencións.

Moscova di que non está isolada

Entre os estados que votaron con Crimea -e, consecuentemente, con Rusia- se achan Armenia, Belarus, Bolivia, Cuba, Corea do Norte, Nicaragua, Sudán, Siria, Venezuela e Zimbabwe.

O embaixador da Federación rusa preferiu ver algo de líquido na botella e dixo que a votación reflectía que Moscova non estaba tan isolada como pretenden facer ver Washington, Berlín e Kiev.

Moscova enfatizou que, a diferenza das decisións do Consello de Seguranza (órgao en que Rusia posúe dereito de voto), as resolucións da Asemblea Xeral non teñen carácter vinculante e, embora teñan valor político, non revisten a menor trascendencia xurídica.

Para Moscova, a resolución de Kiev era inaceitábel ao representar un atentado contra o que cualifican de dereito de autodeterminación do pobo crimeo, formado na súa grande maioría por persoas de lingua e cultura rusa.

Comentarios