Acusan un opositor

"The New York Times" desmente que camións de axuda humanitaria fosen queimados polo goberno venezolano

O diario The New York Times desmentiu nunha información publicada na súa versión dixital que a queima de camións con axuda humanitaria fose obra do goberno venezuelano. Sinala un opositor partidario de Juan Guaidó como responsábel de incendiar o vehículo cun cóctel molotov. 

Venezuela
photo_camera Imaxe dos camións incendiados o pasado 23 de febreiro

A pasada sexta feira 23 de febreiro, un vídeo difundido por redes amosaba varios camións de axuda humanitaria incendiados na Ponte Francisco de Paula, que conecta Colombia con Venezuela. Rapidamente medios internacionais e o goberno dos Estados Unidos acusaron a Guardia Bolivariana de ser responsábel do incendio. O xornal The New York Times vén de analizar diferentes vídeos da xornada e conclúe que foi provocado por un molotov perdido, lanzado desde o bando dos opositores. Ademais, non hai constatación da carga real que portaban eses camións. 

Segundo a versión do diario, terían sido un grupo de mozos que no lado colombiano da ponte cargaron contra as forzas da orde venezolanas con cóctels molotovs caseiros. Un deles impactou contra os camións e a consecuencia foi que tres deles remataron consumidos polas chamas. O vídeo difundido polas autoridades colombianas recortaba os 13 minutos previos nos que se ve precisamente como se lanzan estas armas de fabricación caseira.

Os EUA sumáronse de inmediato á condena dos feitos, dos que acusaba Maduro e as súas forzas militares. Desde The New York Times informaron de que logo de desmentir os feitos se puxeron en contacto co goberno estadounidense, quen descartou facer declaracións.

Por outra banda, a respecto da sabotaxe ao sector eléctrico do país, o presidente, Nicolás Maduro, anunciou a captura de dúas persoas cando se dispuñan a atacar a Central Hidroelétrica Simón Bolívar. Maduro acusa os EUA de ordenar o ataque "no momento que, desesperado, ve que todos os seus intentos de danar Venezuela son infructuosos".

O presidente Venezolano cualifica de "estratexia de guerra" as sabotaxes que están a ter lugar no país.

Comentarios