Netanyahu sempre gaña

O seu rival nas eleccións, Benny Gantz, accede a presidir a Knesset. Os medios israelís falan dun acordo de Goberno de coalición, e a esquerda mostra a súa "decepción".

netanyahu
photo_camera Netanyahu é o gobernante que máis tempo leva no poder, por riba de David Ben Gurion, fundador do Estado de Israel (POLARIS)

"Benny Gantz está canso. Isto non é para o que se apuntou cando lanzou a súa campaña e carreira política hai 14 meses e tres eleccións", sinala nesta sexta feira o xornal israelí Haaretz, a respecto da elección, na quinta feira, do líder do centrista Kahol Lavan ("Azul e Branco") como presidente da Kneset (Parlamento).

Este movemento inesperado, no medio dunha crise constitucional sen precedentes, abre a vía a un Goberno de gran coalición co partido Likud do primeiro ministro en funcións, Benjamin Netanyahu. "Non vivimos tempos normais, e cómpre tomar decisións inusuais", xustificou a súa decisión en plena pandemia de coronavirus o ex xeneral que dirixiu a guerra de Gaza (2014).

Benjamin Netanyahu é o gobernante que máis tempo leva no poder no seu país, por riba de David Ben Gurion, fundador do Estado de Israel. Ten outro récord: en 1996 converteuse no primeiro ministro de menor idade na historia da política israelí.

"Ao contrario que o resto de líderes do Azul e Branco, o ex xeneral non odia tanto a Netanyahu como para enfrontarse a eterna campaña electoral do primeiro ministro en tempos de coronavirus", analiza o xornalista Anshel Pfeffer.

Negociación dun reparto do poder

A decisión de Gantz provocou unha ruptura interna do seu grupo, e chega despois de que a Presidencia da Knesset quedase vacante na cuarta feira, cando Yuli Edelstein dimitiu tras negarse a aplicar un fallo do Tribunal Supremo ordenando convocar unha votación sobre o seu cargo, que probabelmente ía perder.

Nos medios israelís apúntase a un acordo xa negociado para un Goberno de unidade entre el e o Likud ─que encabeza a un bloque de partidos dereitistas e relixiosos─ para o reparto do poder. Channel 12 sinalou que Gantz sería presidente da Knesset até a formación do Goberno de unidade, e posteriormente pasaría a mans dun parlamentario do Likud.

Gantz asumiría entón o Ministerio de Exteriores e, 18 meses despois, pasaría a ocupar o cargo de primeiro ministro. Neste ano e medio, Netanyahu manteríase no seu posto.

Críticas da esquerda

Tamar Zandberg, parlamentaria do esquerdista Meretz, criticou duramente a Gantz desde o Parlamento e recalcou que o seu partido "non xogará papel ningún nisto". Gantz "acabará sendo unha alfombra baixo os pés dun suposto delincuente, un incitador e un racista". "Estamos sorprendidos e intentando asumir a profundidade da decepción", lamentou.

Ademais, Zandberg acusou a Gantz de "causar un desastre aos millóns de votantes que (...) buscaron unha alternativa (a Netanyahu)", en referencia ás persoas que apostaron por Azul e Branco nas últimas eleccións.

Comentarios