Netanyahu asegura que un ataque militar contra Irán sería "unha boa nova" para o mundo árabe

O presidente israelí asegurou nunha entrevista que un ataque militar contra Irán relaxaría as tensións na rexión e sería considerado "un alivio" polo mundo árabe. Aliás, o ministerio de Interior iniciará a expulsión de sesenta mil inmigrantes en situación irregular pois di, "corrompen a alma xudía" do país.

Benjamin Netanyahu na ONU
photo_camera Benjamin Netanyahu na ONU

Benjamin Netanyahu, presidente de Israel, asegurou nunha entrevista concedida á revista francesa Paris Match que un ataque contra Irán desenvolvido polo Estado sionista, non provocaría máis tensións e mesmo "cinco minutos despois, ao contrario do que pensan os escépticos, habería unha sensación de alivio por toda a rexión", aseguraba o presidente sionista. As declaracións de Netanyahu producíronse durante a súa visita oficial ao país galo en que se reunirá co seu homólogo francés, François Hollande.

Esta non é a primeira ocasión en que o mandatario israelí ameaza con bombardear o programa nuclear de Irán pois mesmo chegou a solicitar aos EUA e as Nacións Unidas que freasen o desenvolvemento de centrais nucleares no país, ao que occidente respostou cun bloqueo económico contra Teherán. Segundo o presidente Benjamin Netanyahu, Irán estaría a preparar armamento nuclear --mesmo dunha bomba atómica--, algo que foi desmentido polas autoridades do país que aseguran estar a desenvolver un programa de carácter civil encamiñado á xeración de enerxía eléctrica.

Israel deportará inmigrantes por "corromperen a alma xudía do país"
De acordo cunha orde publicada polo ministerio de Interior israelí 60.000 persoas poderán ser deportadas ou mesmo apresadas ao se lles negar o recoñecemento de 'asiladas'. Segundo as autoridades israelís, estas persoas “corrompen a alma xudía do noso país” e deberán ser trasladadas ao que consideran "zonas seguras", como Sudán do Sul.

Eli Yishai, ministro do Interior de Israel e membro do partido ultrarrelixioso Xas, asegurou que "os africanos son unha ameaza tan grave para Israel como un Irán nuclear" e considerou que “a resposta á inmigración debe ser máis prisións e campos de detención. Hai que encarcerar todos, sen excepción”. As reflexións racistas do ministro israelí dirixíanse as perto de 60.000 persoas inmigrantes en situación irregular que, segundo as ONG, residen no país. A maior parte delas, chegaron como refuxiadas de conflitos de Sudán, Sudán do Sur, Eritrea e Costa do Marfil, após percorreren un longo treito e seren, en moitos casos, vítimas da explotación de mafias beduinas.

As Nacións Unidas, demandaron ao goberno de Natanyahu que considerase 'asiladas' @s migrantes porén, o ministerio do Interior só tramitou 200 das 13.000 solicitudes oficialmente presentadas. No entanto, as ONG's cifran en 2000 as persoas que xa foron apresadas e trasladadas a unha cadea construída ex professo no deserto de Naqev. Aliás, moit@s outr@s inmigrantes accederon ás peticións gobernamentais e regresaron aos seus lugares de orixe. Segundo Alice Edwards, xefa da sección legal do ACNUR “Israel detén automaticamente todos os solicitantes de asilo e encarcéraos en centros de detención por períodos moi longos, ás veces até se necesitar a cama para un novo ingresado, Nesa altura liberan un que leve moito tempo. Iso viola a base do noso ordenamento e do sistema de garantías para quen foxe de calquera persecución". Malia que Israel asinou en 1955 o Estatuto do refuxiado, nunca aplicou as disposicións que se recollen nel.

Comentarios