Néstor Rego reúnese con Pedro Sánchez e traslada as medidas do BNG para unha saída social e xusta á crise

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, reuniuse esta mañá de maneira telemática co deputado do BNG no Congreso dos Deputados para falar de medidas para facer fronte á crise. Rego defendeu a necesidade de apostar por políticas “realmente transformadoras no ámbito social, fiscal e económico” e alertou da imposibilidade de que estas sexan posíbeis nun pacto coa dereita. 
 
Néstor Rego na videoconferencia co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez
photo_camera Néstor Rego na videoconferencia co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez

Unha saída social e xusta á crise, reivindicou o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, esta quinta feira, 16 de abril, durante a xuntanza telemática que mantivo co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Para avanzar nesa dirección, Rego trasladou ao mandatario as propostas do BNG fronte a crise. A reunión produciuse por iniciativa de Pedro Sánchez, co obxectivo de trasladar ás formacións políticas a proposta de conformar unha Mesa para a reconstrución social e económica, como ámbito de debate para consensuar un grande acordo entre todas as forzas políticas sobre as medidas para saír da crise, unha iniciativa que Sánchez ten denominado como “novos Pactos da Moncloa”.

O Presidente do Goberno non adiantou propostas concretas no ámbito económico e social, sinalan desde o BNG, e centrouse na necesidade de acordos e no procedemento proposto, din.

Rego quixo aproveitar o encontro para trasladar a visión do BNG sobre a necesidade de pór en marcha políticas “verdadeiramente transformadoras, no ámbito social, económico e fiscal” para garantir unha saída social e xusta de crise e “evitar que, unha vez máis a paguen as traballadoras e os traballadores, as clases populares”.

Nese sentido, Rego trasladou as propostas que o BNG formulou nos distintos debates parlamentares sobre as medidas que o goberno veu adoptando, salientando que “a vía social pasa por medidas como recuperar os millares de millóns do fondo de rescate bancario”; por reducir o gasto militar, renunciando á compra de armamento previsto; por implantar unha nova política fiscal, “realmente progresiva e redistributiva, que grave as grandes fortunas e as grandes empresas”; por camiñar cara a un novo modelo produtivo, ou por nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, tales como o financeiro, as comunicacións, as telecomunicacións, ou o enerxético, comezando, resalta o BNG, polas que xa foron públicas “e que nunca deberon ser nacionalizadas”.

O BNG estudará a proposta

O deputado nacionalista trasladou a Sánchez que o BNG estudará a proposta, mais adiantou que valora imposíbel “que as medidas verdadeiramente transformadoras que acha necesarias poidan ser acordadas coas forzas da dereita”.

Rego afirmou que o BNG non apoiará políticas de recortes sociais, privatización ou precarización de servizos públicos ou de recentralización política, que cualificou como “receitas habituais tanto do Partido Popular como das outras forzas da dereita e ultradereita”. Nese sentido, Néstor Rego trasladou a Sánchez que mudar a orientación das políticas sociais económicas pasa por procurar acordos á esquerda e co soberanismo das diferentes nacións do Estado.

Rolda de contactos de Sánchez

A rolda de contactos de Sánchez para alcanzar un acordo para saír da crise iniciou esta quinta feira, reuníndose ademais de con Néstor Rego coas portavocías doutras formacións como Laura Borràs, de Junts per Catalunya, íñigo Errejón, de Máis País e Joan Baldoví, de Compromís. Despois delas, Sánchez entrevistouse coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, quen reclama pactar medidas “moderadas e sensatas”. Sánchez tamén falou co portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique. Na tarde desta quinta feira é a quenda do PNV e EH Bildu e na sexta irán ERC, CUP e outras formacións.

Todas as entrevistas programáronse entre a quinta e a sexta feira, salvo no caso de Vox, que declinou participar, e á espera do líder do PP, Pablo Casado, con quen se negocia unha conversa para principios da semana próxima.

Casado xa avanzou onte, cuarta feira 15 de abril, na primeira sesión de control ao Goberno no Congreso desde a instauración do estado de alarma, de que desconfía da intención de Sánchez coa súa proposta de pacto e teme que a súa intención sexa a de “corresponsabilizar ao resto de forzas políticas dos erros cometidos”, asegurou.

Comentarios