Así é Pablo Garrido, o neonazi español que combate en Ucraína

O coñecido militante da extrema dereita no País Valencià, alcumado 'Turbito', xa participara na guerra de Siria.
O neonazi Pablo Garrido, en Siria, nunha imaxe que se fixo viral nas redes. (Foto: Twitter)
photo_camera O neonazi Pablo Garrido, en Siria, nunha imaxe que se fixo viral nas redes. (Foto: Twitter)

O coñecido neonazi valenciano Pablo Garrido Mancebo Turbito compartiu recentemente a través da internet un vídeo que se fixo viral no que aparece montando un fusil de asalto AK-74M en Ucraína, onde di estar combatendo e "gozando".

Sentado no seu catre e portando a indumentaria militar, afirma non precisar "máis nada" que a súa arma: "É unha pasada, un equipo que te cagas [sic]".

"A 'peña' é de puta madre e estamos de puta madre [sic]", di, a respecto dos seus compañeiros de trincheiras. Garrido remata o vídeo enviando un saúdo "a todos os españois e a España".

Mais esta non é a primeira vez que este militante da extrema dereita participa dunha guerra. O pasado ano varios medios de comunicación fixéronse eco da súa participación na guerra de Siria, un país no que foi fotografado portando diferentes armas.

Pablo Garrido, tal e como se pode apreciar nas diferentes imaxes que se fixeron virais no último ano, ten unha esvástica tatuada no peito, alén doutros símbolos propios da ideoloxía nazi.

Aliás, segundo informou eldiario.es, anteriormente estivo encerrado no módulo de presos preventivos número 14 do centro penitenciario Antonio Asunción de Picassent (Valencia).

Cómpre lembrar que en Ucraína está a loitar da man das Forzas Armadas o batallón neonazi Azov, que naceu en 2014, en Mariupol, a raíz da anexión de Crimea, e actuou no Donbás como unha milicia de guerra contra o que considera, publicamente, o seu "maior inimigo", Rusia.

Comentarios