"Nenos soldado", vítimas non vitimarios

Sudán del Sur.- Tres de cada cuatro niños nacidos desde la independencia de Sudán del Sur solo han conocido la guerra

Sudán del Sur.- Tres de cada cuatro niños nacidos desde la independencia de Sudán del Sur solo han conocido la guerra

  (Foto de ARCHIVO)

7/7/2018
photo_camera Unhas 120.000 crianzas de entre 7 e 17 anos fan parte de grupos armados en África (UNICEF / Sebastian Rich)

A Asemblea Nacional da República Centroafricana (RCA) aprobou esta semana o Código de Protección da Infancia, normativa que criminaliza a utilización que se fai das crianzas, incluído o seu recrutamento.   

O punto principal da norma é o que estabelece que os coñecidos como "nenos soldado" sexan considerados vítimas. Ademais, céntrase nos abusos sexuais a que son sometidos por parte dos seus superiores, dentro do organigrama militar dos grupos armados que operan no país. 

As fronteiras dos países africanos responden a formas case xeométricas. Son resultado do proceso de colonización e reparto do continente por parte das potencias europeas. O chanceler alemán Otto Von Bismarck albergou na súa residencia oficial, o 15 de novembro de 1884, a Conferencia de Berlín. Alí trazáronse ─literalmente─ con escuadra e cartabón os límites das colonias sen ter en conta as realidades étnicas e as divisións previas.

Esas fronteiras artificiais mantivéronse tras o proceso de descolonización, xa no século XX. A maioría dos violentos conflitos armados que aínda permanecen na África de 2020 son froito desta situación. Grandes rexións do continente continúan inmersas en guerras civís ou étnicas

Carne de canón

As organizacións humanitarias sobre o terreo estiman que arredor da metade do territorio africano vive baixo a ameaza constante da violencia. Os "nenos soldado" son carne de canón nestes conflitos.

Estas mesmas organizacións calculan que unhas 120.000 crianzas, con idades entre os 7 e os 17 anos, fan parte na actualidade de grupos armados, e cifran en dous millóns as nenas e os nenos asasinados só na última década. Entre os países onde se constatou a súa utilización, alén da RCA, están: Sudán do Sur, Ruanda, Serra Leoa, a República Democrática do Congo, Uganda, Angola, Mozambique, Liberia, Alxeria, Burundi, Nixeria, Níxer e Somalia.

A norma recentemente aprobada polo Parlamento da RCA chega tras un extenso período de consultas con representantes das Nacións Unidas, que loaron os esforzos do Goberno durante o último ano, malia que ─alertan─ aínda se está a dar un nivel "dramático" de violacións graves dos dereitos das nenas e nenos. 

Rehabilitación

"Este código é un gran paso para a protección da infancia de graves violacións. Tamén leva esperanza ás vítimas e dá azos ás autoridades para continuar a investigar a responsabilidade dos autores dos crimes contra as crianzas e levalos ante a xustiza", declarou Virginia Gamba, representante especial para a Infancia e os Conflitos Armados.

Gamba pediu ao Goberno da República Centroafricana que adopte agora o protocolo internacional e coloque estas crianzas desmobilizadas baixo a protección das organizacións dedicadas á coidado da infancia, co obxectivo de lograr a súa axeitada reintegración na sociedade. 

Neste sentido, fixo un chamamento á comunidade internacional para que apoie este tipo de programas de longa duración. 

Un destes programas é o que se leva a cabo en Sudán do Sur, que recentemente conseguiu formar un Goberno de unidade despois de máis de cinco anos dunha guerra civil que deixou polo camiño catro millóns de persoas refuxiadas ou internamente desprazadas. 

Ducias de miles de cativas e de cativos foron recrutados para coller as armas e combater. Agora, estas crianzas e adolescentes desmobilizados reciben unha educación básica e unha aprendizaxe de habilidades que lles permitan reintegrarse na sociedade dun país en reconstrución.

Criminalización

Porén, o problema da criminalización dos "nenos soldado" continúa presente. A finais de febreiro, 15 adolescentes asociados con grupos armados, dos moitos que permanecen prisioneiros, foron liberados en Sudán do Sur. A medida enmárcase dentro do Plan de Acción, asinado polos diversos organismos internacionais mediadores no conflito, co fin de previr as violacións graves contra as crianzas por parte do Goberno.

Tamén a principios deste mes, o Exército de Nixeria liberou 223 nenos e 10 nenas que mantiña recluídos tras quedaren absoltos da súa suposta vinculación con grupos armados. Desde 2016, segundo UNICEF, 1.125 nenos e 618 nenas foron liberados da súa reclusión administrativa. 

Tamén aquí, non obstante, o Goberno nixeriano conta con centros de rehabilitación co fin de lograr a súa reinserción familiar e comunitaria. Nalgúns casos, como este último, había crianzas que levaban desaparecidas até cinco anos e as súas familias xa as daban por mortas.

Comentarios