"Nem bala, nem fome, nem covid", berra a cidadanía negra ante o racismo policial

Manifestacións masivas despois do letal operativo nunha favela de Rio.
185461899_510153640350035_8098694521187925398_n
photo_camera Nas redes sociais compartíronse imaxes co lema das marchas (Foto: Coalizão Negra por Direitos)

Miles de persoas protestaron na quinta feira ─madrugada galega de hoxe─ en varias cidades do Brasil contra o racismo e a violencia policial, unha semana despois dunha operación contra o narcotráfico que deixou un total de 28 mortes nunha favela de Rio de Janeiro, segundo informaron os medios locais. O operativo foi o máis letal da historia do Estado do Rio, recolleu a Folha.

Na primeira versión, a Policía dixo que o obxectivo era desarticular unha banda que captaba nenos e adolescentes para o tráfico de drogas, os roubos, os secuestros e os asasinatos. Porén, un novo informe días despois mostrou, no entanto, que a incursión era para dar cumprimento a 21 ordes de detención pendentes.

As ONG de dereitos humanos acusaron a Policía de "execuções extrajudiciais", en tanto que un tribunal superior viu signos de "execução arbitrária".

"Falso" aniversario

Baixo o lema "Nem bala, nem fome, nem covid, o povo negro quer viver", os manifestantes reivindicaron con pancartas e gritos o fin da discriminación sistémica cara a cidadanía negra e mestiza, que supón 55% da poboación, no día en que se conmemoraba a sinatura da Lei Áurea, isto é, a fin da escravitude no Brasil en 1888.

Un "falso" aniversario, segundo os manifestantes. A cidadanía negra brasileira celebra a fin da escravitude noutra data alternativa, o 20 de novembro, cabodano do asasinato de Zumbi (1655-1695), unha figura da resistencia contra o escravismo e o último líder dos Palmares, un quilombo ou refuxio para os afrodescentes fuxidos.

"Esse é o dia da falsa abolição e o que a gente vem denunciando recorrentemente, ano a ano, é que a abolição não nos proporcionou igualdade de direitos no Brasil e na pandemia do coronavírus isso só se intensificou, a população negra segue fazendo parte das piores estatísticas, seja pela mortalidade de Covid, seja a insegurança e a fome", declarou aos medios en São Paulo Simone Nascimento, do Movimento Negro Unificado, unha das 150 entidades que fan parte da Coalizão Negra por Direitos, a organización convocante. 

As protestas desenvolvéronse, ademais de no Rio de Janeiro e en São Paulo, noutras capitais como Rio Branco, Fortaleza, Salvador, Goiânia, Teresina, Maceió, João Pessoa, Macapá, Natal, Belo Horizonte, Porto Alegre, Vitória, São Luís, Belém, Cuiabá e Brasília. 

O nome do presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, estivo moi presente nas marchas, onde foi acusado de "xenocidio" a través da violencia policial e se pediu o seu impeachment.

Comentarios