Nantes viste oficialmente a Gwenn ha Du

A bandeira da Bretaña ondeará a partir desta quinta feira, 17 de decembro, por primeira vez no Concello, noutro paso cara á reunificación do territorio nacional.
breizh_reunification
photo_camera A reunificación do territorio nacional da Bretaña é unha demanda histórica do soberanismo, mais tamén doutras correntes políticas (Foto: UDB)

Esta quinta feira é un día histórico na Bretaña. Desde as 11 horas, a bandeira nacional, a Gwenn ha Du, ondeará na Casa do Concello de Nantes (Naoned, en bretón), un simbólico paso máis cara á arelada reunificación do país. A cidade dos Duques da Bretaña é capital de Loire-Atlantique, departamento dentro da rexión do País do Loira e separado dos outro catro que actualmente conforman a rexión administrativa francesa da Bretaña. A nación histórica (Breizh, en bretón, que se divide en nove territorios ou broioù) tamén inclúe Loire-Atlantique. 

A separación remóntase á época da ocupación nazi. Desde entón, e especialmente a partir da década de 1970 coas primeiras manifestacións cidadás, a reunificación dos cinco departamentos ─e a reclamación de maior autonomía e mesmo a independencia─ é un asunto capital para o nacionalismo bretón.

O tema regresou nos últimos meses á mesa do debate político. En febreiro o presidente do Consello Rexional da Bretaña, o socialista Loïg Chesnais-Girard, presentaba unha emenda para reservar 100.000 euros do orzamento co fin de organizar un referendo sobre o reagrupamento dos cinco departamentos baixo unha única entidade administrativa.

E a comezos de xullo Chesnais-Girard recibiu o informe elaborado polo grupo de traballo encargado de elaborar unhas pautas de colaboración "dentro da perspectiva dunha reunificación". Entre estas figuran a necesidade de convocar unha consulta popular, mais tamén aumentar a presenza da marca Bretaña en Loire-Atlantique.

O apoio máis importante, non obstante, chegou do outro lado da fronteira. Tras a súa reelección o verán pasado como alcaldesa de Nantes, a tamén socialista Johanna Rolland designou por vez primeira un asistente para "temas bretóns", cargo que ocupa Florian Le Teuff, militante do movemento pola reunificación. Rolland recibiu a axuda da Unión Democrática Bretoa (UDB, nacionalista socialdemócrata) nas eleccións municipais deste ano. A creación desta figura e mais a colocación da Gwenn ha Du no Concello foron condicións para o seu apoio. 

Foi na xuntanza que mantiveron en outubro Rolland, Le Teuff e varias asociacións co fin de acordar "accións para a promoción da lingua e da cultura bretoas", segundo informou en Twitter a alcaldesa, que se decidiu que a bandeira ondease fronte á Casa do Concello a partir da primeira quincena de decembro. O izado finalmente será mañá e faise coincidir, explicou Johanna Rolland nas redes sociais, "co 50º aniversario, tan simbólico, do primeiro concerto de Tri Yann", grupo de folk bretón, orixinario de Nantes e o máis lonxevo da Bretaña.

"Símbolo cívico"

A asociación A la Bretonne!, nacida este ano para pular pola reunificación, felicitou a alcaldesa nun comunicado e salientou que a bandeira bretoa é un "símbolo cívico" que transmite unha "imaxe positiva, amigábel, festiva e de apertura ao mundo".

Pierre-Emmanuel Marais, deputado da UDB, sinalou que un terzo dos concellos do Loire-Atlantique "xa enarboran esta bandeira". Ademais, salientou a predisposición de Rolland ao debate da reunificación. "O noso programa prevé que se leve a cabo un debate no Concello para solicitar ao Estado un referendo sobre este tema", lembrou. 

A UDB presentouse ás eleccións rexionais de 2015 canda o Movemento Bretaña e Progreso (MBP) na coalición Oui la Bretagne (Breizh evel just). O nacionalismo bretón traballa para aglutinar o voto baixo un mesmo paraugas nos próximos comicios rexionais e departamentais convocados para marzo de 2021.

Comentarios