Nacións Unidas exixe a Israel que deixe votar aos palestinos de Xerusalén Leste

O 29 de abril, o presidente palestino cancelaba as eleccións entre as críticas de Hamas ou da FPLP. Abbas aferrouse ao bloqueo de Israel á votación da cidadanía de Xerusalén Leste para adiar sen data uns comicios que non lle conviñan. Agora un panel de expertos en dereitos humanos presiona a Israel, mais tamén deixa varios recados para a ANP.
EuropaPress_3805593_manifestacion_ramala_cisjordania_muerte_activista_nizar_banat_mientras
photo_camera Protesta en Ramala, o 24 de xuño, pola morte baixo custodia policial de Nizar Banat, crítico coa corrupción dentro da ANP (Foto: Zuma Press)

Un panel de expertos en dereitos humanos de Nacións Unidas pediu á Autoridade Nacional Palestina (ANP) e a Israel, a potencia ocupante, que dean todos os pasos necesarios dentro das súas respectivas competencias para reprogramar as eleccións en Palestina "dentro dun período de tempo razoabelmente curto" e "asegurando que eses comicios sexan libres, xustos, democráticos, pacíficos e críbeis".

O pasado 15 de xaneiro, o presidente palestino, Mahmoud Abbas, anunciaba a convocatoria de eleccións parlamentarias e presidenciais ─as primeiras en 15 anos─ despois de chegar a un acordo co partido islamista Hamas para pór fin ás divisións internas que caracterizaron a política do país nos últimos tempos. Un movemento forzado ademais polas críticas ante a falla de lexitimidade das institucións de Palestina, incluída a presidencia de Abbas. 

El e o establishment que goberna a ANP mostráronse en todo momento remisos á convocatoria electoral. En xogo está, por exemplo, o acceso ás importantes doazóns que reciben de países e organismos contribuíntes como a UE. A xestión deste diñeiro leva anos a ser cuestionada, con frecuentes acusacións de corrupción e de caciquismo. 

Cómpre lembrar que a ANP, creada en 1994 en cumprimento dos Acordos de Oslo, tiña data de caducidade ─cinco anos de transición até a creación do Estado palestino─; e que o mandato de Abbas, elixido en 2006, era de catro anos.

Por outra banda, está Israel e a cuestión de Xerusalén Leste. As forzas palestinas insisten en que as votacións non se poden desenvolver sen a participación dos palestinos residentes na cidade. Mais Israel, que considera Xerusalén ao completo como a súa capital, négase en rotundo, e calquera cesión neste sentido socavaría a súa reclamación de soberanía sobre a cidade. 

Salvavidas de Abbas

Á negativa israelí aferrouse Abbas, que vía perigar a súa continuidade tanto polo potencial auxe electoral de Hamas (islamista conservador), como pola disidencia interna dentro do seu partido, Al Fatah (secular, nacionalista de centroesquerda). 

O 29 de abril, o presidente palestino cancelaba as eleccións entre as críticas de Hamas ou da esquerdista Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP).

E once días despois todo saltaba ─literalmente─ polos aires. O 10 de maio, tras as protestas na praza de Al Aqsa e o lanzamento de morteiros por parte de Hamas, coincidindo co Día de Xerusalén ─data que no calendario sionista conmemora a captura da simbólica cidade en 1967─ iniciábase un ataque aéreo sobre Gaza, causando en 11 días 248 mortes, incluídas as de 66 menores.

Cumprir con Oslo

"Facemos un chamamento a Israel a que manifeste claramente que permitirá a participación democrática plena dos palestinos de Xerusalén Leste nas eleccións planificadas", sinala o panel de expertos da ONU nun comunicado emitido na noite da segunda feira. "Como potencia ocupante en Xerusalén Leste, debe interferir o menos posíbel cos dereitos e coa vida diaria dos palestinos", afirman, e engaden que "dados os avances tecnolóxicos e no voto remoto e electrónico, existe unha variedade de medios para permitir a participación democrática plena".

O panel salienta que os Acordos de Oslo garanten á cidadanía palestina de Xerusalén Leste o dereito a participar nas eleccións de Palestina, tal e como sucedeu en 1996, 2005 e 2006, "non sen dificultades considerábeis, porén".

"A comunidade internacional manifestou en repetidas ocasións, a través do Consello de Seguridade da ONU e da Asemblea Xeral, que toda alteración israelí á demografía de Xerusalén Leste e ao seu status político é nula e non ten efecto legal", apuntan.

"Temos aquí unha oportunidade de ouro para que o mundo ratifique estres compromisos no nome da democracia e do dereito internacional", declaran.

O panel de expertos está composto por Michael Lynk, relator especial sobre a situación dos dereitos humanos nos territorios ocupados palestinos desde 1967; Irene Khan, relatora especial para a promoción e protección do dereito de expresión; e Clément Nyaletsossi Voule, relator especial sobre os dereitos de liberdade de reunión e de asociación pacíficas.

Trabas internas

No seu comunicado tamén advirten a ANP da importancia de respectar "a liberdade de expresión, de opinión, de reunión, de movemento e de asociación", que "están na cerna dos dereitos humanos e son particularmente importantes nos procesos democráticos". Neste sentido, citan como exemplos "a intimidación, os arrestos e as detencións", así como "a interrupción de actos políticos e electorais".

Ademais, solicitan directamente ás autoridades palestinas que "retiren as barreiras legais que limitan a participación libre e plenas dos palestinos no proceso democrático". Por exemplo, o requirimento de que cada lista política deba pagar unha taxa de inscrición de 20.000 dólares; ou que os candidatos que traballen no sector público, en organizacións internacionais ou da sociedade civil (ONG) teñan que renunciar ao seu traballo para poderen concorrer ás eleccións. 

HRW aprecia crimes de guerra no ataque de Israel sobre Gaza

Human Rights Watch (HRW) acusou onte a Israel de posíbeis crimes de guerra no bombardeo de maio sobre Gaza, e pediu que o Tribunal Penal Internacional (TPI) investigue os feitos.

HRW analizou tres bombardeos israelís, que mataron 62 civís palestinos, "devastando familias completas sen que houbese obxectivos militares aparentes". A ONG tamén criticou os grupos armados palestinos, que levaron a cabo "ataques ilegais" ao lanzar máis de 4.360 proxectís contra centros de poboación israelís.

"A consistente falta de vontade das autoridades israelís de investigar seriamente os supostos crimes de guerra, así como os ataques con foguetes por parte das forzas palestinas contra centros de poboación israelís, subliñan a importancia da investigación do TPI", dixo. 

Comentarios