O nacionalismo corso vence en Bastia, capital da Córcega norte

O candidato nacionalista Gilles Simeoni foi quen de atinxir na segunda volta das municipais o 57% dos votos, derrotando a gobernante coligación da esquerda francesa na capital da 'Alta Córcega'.

corcega

O nacionalismo corso accede ao poder na segunda cidade de Córcega, Bastia, con 43.000 habitantes nunha illa que apenas chega os 300.000. Faino da man de Gilles Simeoni e da candidatura soberanista 'Inseme per Bastia' (Xuntos por Bastia). Nun estado tan centralista como o Francés e nunha illa onde o nacionalismo historicamente habitaba na convulsión permanente, a nova desta vitoria espertou a sorpresa e o interese dos grandes medios da 'metrópole'.

Na capital corsa, Ajaccio, o nacionalismo non chegou á segunda volta. En Portivechju o seu candidato obtivo o 46% dos votos

Simeoni, fillo din histórico do nacionalismo corso (Edmon Simeoni, da Unión do Pobo Corso) pon fin coa súa vitoria ao goberno da coligación de esquerdas que, con diferentes combinacións e actores (da actual formaba parte, entre outros, o Partido Comunista) gobernaba a cidade desde finais dos 60. O alcalde saínte é Emile Zuccarelli (apelido que está ligada a toda unha 'dinastía' política republicana).

Duplicou apoios nesta lexislatura

A candidatura nacionalista obtivo na segunda volta o 55,4% dos votos, fronte o 44,6% da lista de esquerda francesa. A abstención estivo lixeiramente por riba do 18 por cento. Na anterior convocatoria das municipais (2008). o candidato nacionalista obtivera o 25% dos apoios mentres que o candidato da esquerda francesa atinxira o 57%.

Bastia é a segunda cidade de Córcega en habitantes. Situada no norte da illa é, tamén, o porto corso máis importante. A capital corsa, Ajaccio, ficou en mans da unión de dereitas (47,1% dos votos en segunda volta), mentres que a lista de esquerdas atinxiu o 46%. O nacionalismo nesa cidade, inexistente electoralmente nesta cita.

En Portivechju (Porto-Vecchio) o vencedor foi o candidato da dereita francesa (UMP), co 53,8% dos votos. Mais o nacionalismo obtivo o 46% dos sufraxios nesta turística cidade de 11.000 habitantes da man de J.C. Angelini, do Partido da Nación Corsa.

Comentarios