O soberanismo aumentaría a súa maioría absoluta de haber agora eleccións en Escocia

Unha enquisa do diario británico 'The Sunday Times' concede ao SNP o 48% dos votos de haber agora eleccións ao Parlamento de Edimburgo, un 3% máis que nos anteriores comicios. Esta sondaxe sinala tamén que no referendo pro-independencia o si sumaría o 37% dos sufraxios e o non, o 46%. @s partidarios da soberanía aumentaron en máis de cinco puntos nestes meses.

Bandeira escocesa

The Sunday Times publica unha sondaxe sobre intención electoral d@s escoces@s, quer nuns comicios ao Parlamento de Escocia quer no que atinxe ao referendo de autodeterminación que terá lugar neste país a finais de 2014.

No que atinxe á consulta, e segundo os dados do diario británico, o apoio ao si á independencia sería do 37 por cento, un 9 por cento menos que @s votantes que optarían polo non e apostan por se manter facendo parte de Gran Bretaña (46%). O SNP (Partido Nacionalista Escocés) xa amosou a súa satisfacción con estes resultados, pois lembran que o apoio á independencia está a medrar paulatinamente. A finais de 2012, as enquisas situaban ese respaldo por volta do 32-33%.

“É unha enquisa moi esperanzadora para o Si, que vai en aumento paulatino”, di Derek Mackay, do SNP

No que di respeito á intención de voto d@s escoces@s para o seu Parlamento, o trunfo do nacionalismo é absoluto. Así, o SNP, que goberna con maioría absoluta ao obter en 2011 o 44% e 69 escanos, aumentaría os seus apoios nun 3%. Acadaría, logo, o 48% dos sufraxios. O Parlamento de Escocia consta de 129 escanos.

Unionismo perde o 5 por cento dos votos

O Partido Laboralista tería o 30% dos votos, un 2% menos que hai dous anos; e o Partido Conservador atinxiría o 13%, baixando un 1 por cen. Ambos os dous partidos unionistas sumarían, pois, o 43% dos apoios, cinco puntos por baixo do SNP.

Os Liberal Demócratas levarían unha grande malleira pois perderían a metade dos seus apoios: do 8% que tiveron en 2011 ao 4% que lles outorga esta enquisa.

Comentarios