Múnic cancela a Oktoberfest polo coronavirus

Será a primeira vez desde a Segunda Guerra Mundial que o famoso festival, previsto este ano do 19 de setembro ao 4 de outubro, non se celebre.

oktoberfest
photo_camera O festival reúne uns seis millóns de visitantes ao ano e xera ingresos por 1.200 millóns de euros (oktoberfest.de)

A Oktoberfest, a Festa da Cervexa de Múnic, capital de Baviera, foi cancelada a raíz da pandemia do novo coronavirus, segundo anunciaron nesta terza feira, 21 de abril, as autoridades locais.

O evento, previsto este ano do 19 de setembro ao 4 de outubro, reúne uns seis millóns de visitantes, é un dos máis grande do mundo e xera ingresos por 1.200 millóns de euros.

As autoridades de Múnic e de Baviera estiveron "de acordo en valorar que os riscos son simplemente demasiado elevados", segundo indicou o xefe de Goberno do Estado bávaro, Markus Söder.

Söder insinuou que a volta deste evento só podería ser posíbel cando haxa unha vacina dispoñíbel, xa que nunha celebración como esta, "que vive do contacto", é imposíbel estabelecer o distanciamento social.

Pola súa banda, o alcalde de Múnic, Dieter Reiter, admitiu que é unha "xornada triste". Será a primeira vez desde a Segunda Guerra Mundial que o festival non se celebre.

Comentarios