O mundo necesita paz e a paz necesita as mulleres

O 8-M reivindica o papel feminino para afrontar as ameazas planetarias.
EuropaPress_4299135_08_march_2022_united_kingdom_edinburgh_women_take_part_in_rally_outside_the
photo_camera Manifestación onte en Edimburgo, con mencións ás loitadoras ambientais asasinadas no mundo (Foto: Lesley Martin / PA Wire)

Con esta claridade expresábase esta terza feira, 8 de marzo, a ONU: "Hai 50 anos, chegamos á Lúa; na última década, descubrimos novos devanceiros humanos e fotografamos un buraco negro por primeira vez".

"Mentres tanto ─continuaba─ existen restricións legais que impiden a 2.700 millóns de mulleres acceder ás mesmas opcións laborais que os homes. Menos de 25% dos parlamentarios eran mulleres en 2019 e unha de cada tres mulleres continúa a sufrir violencia de xénero".

Esta terza feira, como cada 8-M, centos de miles de mulleres de todo o mundo, desde o Paquistán até México, tomaron parte en marchas para marcar o Día Internacional das Mulleres Traballadoras. E para reclamar dereitos aínda por conquistar ben entrado xa o século XXI: igualdades, liberdades e a fin da violencia contra as mulleres.

A ONU elixiu como tema para este ano a "Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostíbel". A promoción da igualdade de xénero dentro do contexto da crise climática e a redución do risco de desastres é un dos obstáculos máis grandes da era que vivimos e que está por vir. O papel das mulleres debe ser chave, apunta, para lograr un mundo mellor.

Neste sentido, desde ONU Mulleres defendeuse que un papel máis activo das mulleres pode salvar a humanidade dos graves problemas que afronta: "Asegurar a súa participación na construción da paz non é só un tema de dereitos. As mulleres son vitais en apuntalar os tres alicerces da paz sostíbel: recuperación económica e reconciliación; cohesión social e desenvolvemento; e lexitimidade política".

Tamén o secretario xeral da ONU, António Guterres, facía referencia ás ameazas globais do Planeta, e ás mulleres como activos necesarios para salvalo: "Necesitamos máis mulleres ministras de Ambiente, líderes de empresas, presidentas e primeiras ministras. Elas poden facer que os países fagan fronte á crise climática, desenvolvan empregos verdes e constrúan un mundo máis xusto e sostíbel. Non podemos terminar de atravesar esta pandemia con tan poucos avances en materia de igualdade de xénero".

Crise climática

A Covid deixou ao descuberto que as mulleres e as nenas soportan o peso dos efectos económicos e sociais cunha gran desigualdade, prexudicando aínda máis a súa capacidade para se sosteren fronte aos efectos das crises ambientais. 

A presión para equilibrar a vida laboral e doméstica ante a clausura de escolas e a perda de traballos en sectores feminizados ocasionou que aínda menos mulleres sexan parte da forza laboral. Case 113 millóns de mulleres de entre 25 e 54 anos, con parellas e crianzas, foron expulsadas da forza laboral en 2020.

O cambio climático tamén xera maior vulnerabilidade á violencia de xénero. En todo o mundo, as mulleres cargan coa responsabilidade desigual de prover alimento, auga e combustíbel. Tarefas que se complican e requiren de máis tempo polo cambio climático. A escaseza de recursos e a necesidade de desprazarse máis lonxe para obtelos pode expor as mulleres á violencia e aumentar os factores de risco vinculados á trata de persoas ou ao matrimonio infantil.

As mulleres do rural manteñen en pé sociedades, garanten a soberanía alimentaria dos pobos, mais non exercen o mesmo poder que os homes. Esta terza feira, o 8-M tivo un especial recoñecemento para elas tamén. 

Comentarios