A morte de Fidel esperta reaccións ao longo do planeta

O máis grande revolucionario está a ser lembrado desde todos os puntos do globo terrestre. De América Latina a Asia, de África a Europa.

[Imaxe Cubadebate] Entre Raúl Castro e Maduro, Fidel.
photo_camera [Imaxe Cubadebate] Raúl Castro, Fidel Castro e Nicolás Maduro

Desde que a primeira hora da mañá do sábado coñeciamos a partida física de Fidel Castro non deixaron de sucederse as reaccións de personalidades de todas as partes do mundo. Narendra Modi; Manuel Zelaya; Enrique Peña Nieto; Nicolás Maduro; Rafael Correa; Mariano Rajoy... A morte do líder da Revolución Cubana é tendencia mundial nas redes sociais.

Un dos primeiros en reaxir ante a noticia foi Silvio Rodríguez, quen enviaba desde o seu blog, Segunda Cita, “as miñas fondas condolencias aos seus familiares, ao pobo de Cuba, ao Mundo e a todo o Universo pola perda dun dos seres humanos máis extraordinarios de todos os tempos”.

Desde Bolivia, Evo Morales transmitía a "profunda dor" pola morte de Fidel, ao que se referiu como un "xigante da historia da humanidade". O presidente ruso, Vladimir Putin, cualificaba o líder da Revolución de "símbolo de toda unha época". "A Cuba libre e independente que creou xunto aos seus correlixionarios converteuse nun membro influente da comunidade internacional e serviu de exemplo inspirador para moitos pobos e países", engadía Putin.

O presidente de Francia, François Hollande, tamén transmitiu as súas condolencias e salientou que Fidel foi quen de representar para o pobo cubano "o orgullo do rexeitamento da dominación exterior". O seu homólogo venezolano, Nicolás Maduro, afirmou que a todos os revolucionarios do mundo "lles toca seguir o seu camiño". Subliñou que Fidel e Chávez "deixaron aberto o camiño para a liberación dos nosos pobos".

Rafael Correa, presidente do Ecuador, expresou o seu pesar pola partida "dun grande", mentres que o presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, se referiu a Fidel como "referente emblemático do século XX" e "grande amigo de México".

Desde España, o presidente do goberno, Mariano Rajoy enviou as súas condolencias "ao goberno e autoridades cubanas polo falecemento do ex presidente Fidel Castro", ao que denominou "figura de calado histórico". Tamén o ex ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, aludía a Fidel como "un personaxe extraordinariamente importante na historia do mundo en xeral e en Iberoamérica en particular" e destacaba que deixa "unha pegada moi importante".

A Unión Nacional de Mulleres Saharauís tamén se pronunciou para expresar "o noso profundo pesar e solidariedade con Cuba pola perda do símbolo de digndidade".

Galiza non é allea ás condolencias a respeito da morte de Fidel. Ana Pontón, portavoz nacional e portavoz parlamentar do BNG, expresaba o "sentido adeus a Fidel Castro. Líder da Revolución cubana e que demostrou que un pobo pode derrotar ao imperio". Aliás, a Executiva do BNG envioulle unha carta a Raúl Castro. Luís Villares, portavoz de En Marea, expresaba na mañá do sábado en Twitter: "Vaise Fidel Castro. O seu legado queda. Ata sempre Comandante!". 

Aliás, a CIG emitiu un comunicado en que se suma ao pesar pola perda física de Fidel e en que reivindica a súa figura revolucionaria.

Comentarios