Catalunya

Multitudinaria manifestación catalá ante a eurocámara contra a fraude democrática

O Parlamento Europeo constituíuse sen permitir tomar posesión aos eurodeputados cataláns electos o pasado 26 de maio nas urnas, Carles Puigdemont, Toni Comín e Oriol Junqueras. Unha multitudinaria manifestación convocada polo Consell per la República levou o protesto ás portas da eurocámara en Estrasburgo. Puigdemont e Comí non acudiron alertados polo perigo a seren detidos no país galo.

Manifestación ás portas do Parlamento Europeo [Imaxe: ANC]
photo_camera Manifestación ás portas do Parlamento Europeo [Imaxe: ANC]

Milleiros de catalás e cataláns mobilizáronse ante as portas da sede do Parlamento Europeo contra a decisión da eurocámara de constituírse coa ausencia dos representantes electos nas pasadas eleccións do 26 de maio Oriol Junqueras (pola candidatura de Esquerra Republicana de Catalunya – Agora Repúblicas), Carles Puigdemont e Toni Comín (de Lliures per Europa – Junts).

A eurocámara ficou así constituída con 751 eurodeputadas e eurodeputados, faltando os tres soberanistas cataláns

Manifestación Catalunya Parlamento Europeo xullo 2019 2A eurocámara ficou así constituída con 751 eurodeputadas e eurodeputados, faltando os tres soberanistas cataláns que non puideron sentar nos seus escanos após o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, con sede en Luxemburgo, desestimar na segunda feira 1 de xullo a petición de Puigdemont e Comín para que lles concedesen medidas cautelares que os permitisen acudir á sesión constitutiva do Parlamento Europeo namentres o tribunal non dea resolto a súa membresía.

O xuíz concluíu que a lista oficial de eurodeputados e eurodeputadas electas polo Estado español é a enviada polas autoridades españolas ao Parlamento Europeo o 17 de xullo. Esta listaxe só inclúe as persoas que recolleron a acta en Madrid e exclúe aquelas que non puideron acudir: Junqueras por estar preso e serlle denegado o permiso para participar da recollida de actas, e Comín e Puigdemont por atopárense no exilio, xa que serían apresados pola policía española de acudir ao acto).

O xuíz non tivo en conta a orde publicada polo BOE o 14 de xuño na que se proclamaba aos tres independentistas cataláns como eurodeputados xunto aos demais electos nas urnas do 26 de maio.

A negativa do xuíz a conceder as medidas cautelares non permite a Comín e Puigdemont estaren hoxe na sesión constitutiva

A negativa do xuíz a conceder as medidas cautelares non permite a Comín e Puigdemont estaren hoxe na sesión constitutiva da eurocámara na cidade francesa de Estrasburgo. Porén, tiñan ambos anunciada a súa intención de participar esta terza feira na mobilización que se celebrou ás portas do Parlamento Europeo, mais a defensa recomendoulles desbotar esta idea xa que existe o perigo de detención debido a un convenio entre Francia e España que posibilitaría o traslado inmediato a Madrid sen necesidade de euro orde algunha.

Protestos diante e dentro da eurocámara

Retratos dos tres eurodeputadados cataláns ocuparon os seus respectivos asentos durante a sesión constitutiva da eurocámara. Ademais, deputadas e deputados de forzas soberanistas dos pobos da Europa realizaron protestos esixindo ao presidente do Parlamento, Antonio Tajani, a presenza de Puigdemont, Comín e Junqueras. Así fixo o deputado irlandés do Sinn Feinn, Matt Carthy, quen afirmou que "esta cámara debe loitar polos dereitos humanos e debe escoitar a voz do pobo de Catalunya”. Tajani non respostou a ningún dos requerimentos.

A eurodeputada Ska Keller, líder dos verdes na Europa, esixiu nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo unha solución para que Junqueras exerza como eurodeputado. O catalán forma parte do mesmo eurogrupo que Keller, Alianza Libre Europea – Verdes. Na manifestación tomaron a palabra Marina Llansana (Òmnium Cultural), Elisenda Paluzie (Assemblea Nacional Catalana), o president Quim Torra a través dun vídeo en directo e eurodeputadas doutros países como a portuguesa Marisa Matias (Bloco de Esquerda). Na mobilización tamén participaron membros da eurocámara de Irlanda, Francia ou Eslovenia.

Comentarios