Unha manifestación xigante, resposta cívica de Catalunya á ofensiva autoritaria do Estado

Un millón de sis nas rúas de Barcelona

Un millón de persoas, segundo as estimacións da Garda Urbana de Barcelona. Un millón de sis á democracia e ao referendo. Fronte ás prohibicións, ás ameazas de inhabilitación dos representantes lexítimos do pobo, fronte aos rexistros de imprensas e de redaccións de meios alternativos, fronte a todos os aparatos coercitivos do Estado, o que se ergueu nas rúas de Barcelona foi unha multitude, un océano humano, nun impecábel exercicio de civismo democrático. Esa foi a resposta, mais unha vez, do pobo catalán, nunha nova Diada masiva. Foi, máis que unha manifestación río, unha concentración xigante. Un millón de persoas colapsou o centro de Barcelona. "Marxem (liscamos), Mariano sé fuerte", rezaba un cartaz, un pouco o resumo da marcha. Lonas enormes cos lemas "Pau i llibertat" (alusión aos atentados de Barcelona e Cambrils) e "Referendum es democracia" sintetizaron as demandas das entidades convocantes, a Assemblea Nacional de Catalunya e Òmnium Cultural.

Diada 2017
photo_camera Colapso total en Barcelona [Foto: Vilaweb]

O acelerón de inscricións nas últimas horas antes de a manifestación dar comezo preanunciaba o seu carácter masivo. Así foi, por volta dun millón de persoas, segundo a estimación da policía local de Barcelona, colapsaron por inteiro o corazón do Eixample, as súas arterias principais, o Passeig de Gràcia e o Carrer d'Aragó. Unha multitude que mostra que a capacidade de mobilización do soberanismo catalán non ten parangón na nosa contorna xeopolítica. Ano após ano, caen os récords de participación.

Os planos cenitais das cámaras da TV3, que retransmitiron o evento ao vivo, mostraron como as columnas da marcha debuxaban unha cruz, un signo positivo, un +, co que a Diada del Sí quería simbolizar a vontade democrática dunha sociedade catalá que, si ou si, quer votar o 1 de Outubro.

maniA confluencia do Passeig de Gràcia coa Gran Vía, a do mesmo Passeig coa Diagonal, rebordou de esteladas e de camisetas fluorescentes, as do Si ao referendo que as entidades organizadoras teñen promovido para este evento.

"Voltamos a facelo. A festa de hoxe será a mesma que teremos o vindeiro 1 de outubro", afirmaba a perguntas da TV3, a pé da manife, Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural. Ao termo da mobilización, Jordi Sànchez, o presidente da Assemblea Nacional de Catalunya, na súa intervención nunha ateigada Praza de Catalunya, proclamou entusiasta: "De todas as revolucións posíbeis está é a máis bonita de todas. A Revolución dos sorrisos que nos levarán até o 1 de Outubro. Voltamos a dar unha lición de civismo e democracia".

Jordi Sànchez, da ANC: "De todas as revolucións posíbeis está é a máis bonita de todas. A Revolución dos sorrisos que nos levarán até o 1 de Outubro"

Sànchez deixou claro que as entidades convocantes desta mobilización xigante -1 de cada 7 cataláns foron á marcha, en proporción sería como se unha manifestación española reunise en Madrid 5 millóns de persoas- non recoñecen xa máis legalidade nen lexitimidade que a emanada do Parlament. "Vós", dixo a se dirixir ás masas alí congregadas, "déstesnos unha nova legalidade. Esa é a única que recoñecemos ante o 1 de outubro. A nosa lei é a Lei do Parlament", dixo e a seguir recalcou que non se senten vinculados nen concernidos polas decisións do Tribunal Constitucional e demais órgaos coercitivos españois.

"Declarámonos insubmisos perante aqueles tribunais que declaran a indivisíbel unidade da súa patria, da patria española", engadiu.

Este río humano é imparábel e ten sede de votar. Próxima estación, o 1-O. "Hoxe somos moitísimos, mais o 1de outubro seremos aínda moitos máis. Poña aínda máis urnas, president", clamaban os organizadores desde o estaríbel da praza.

Comentarios