Multiplícanse por catro as solicitudes de asilo de menores sen acompañamento na UE

A maioría teñen entre 16 e 17 anos e proceden de Afganistán, segundo o Eurostat. 

Gabriel Tizón
photo_camera [Imaxe Gabriel Tizón]

Entre 2014 e 2015 cuadruplicáronse a cifra de menores de idade sen acompañamento que solicitaron asilo político na UE. Así o recolle o Eurostat nun estudo publicado o 2 de abril. 

Solicitudes de asilo 2008-2015

Neste senso, trátase de adolescentes (91%) entre 16 e 17 anos que proceden na súa maioría (51%) de Afganistán e que solicitaron acollemento en Suecia (40%), Alemaña (16%), Hungría (10%) e Austria (9%), principalmente, o que coincide tamén cos estados membros da UE que maior número de solicitudes reciben en termos absolutos. No caso do Estado español apenas se rexistraron 25 o pasado ano, maioritariamente de persoas con nacionalidade siria e en Portugal 75. 

Nacionalidade demandantes de asilo

A cifra total rexistrada en 2015 (88.300 persoas) supón o cuádruplo das persoas menores de idade sen acompañamento que solicitaron asilo en 2014 (23.000 persoas). En países como Italia estas solicitudes representan o 56% do total. 

Entretanto o número de persoas refuxiadas e migrantes que continúan a chegar ás costas de Grecia e Italia non cesa. Entre xaneiro e abril de 2016 rexistráronse 154.661 chegadas a Grecia e 27.265 a Italia, de acordo cos dados publicados pola Organización Internacional para as Migracións (OIM). Aliás, 1.244 perderon a vida tentando chegar á costa.

Comentarios