O multilateralismo que a Covid matou

"Ningún Estado pode combater esta pandemia só", afirmou o turco  Volkan Bozkir na súa estrea como novo presidente da Asemblea Xeral da ONU. Fíxoo na inauguración da 75ª sesión anual, onde se coincidiu en alertar dos riscos do unilateralismo, unha actitude –sostívose– que só fortalece o novo coronavirus.
75_general_assembly_un
photo_camera Un momento do discurso do presidente saínte da Asemblea Xeral da ONU, Tijjani Muhammad-Bande (un.org)

Volkan Bozkir xa é o novo presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Tomou posesión na terza feira (madrugada da cuarta na Galiza), salientando que o unilateralismo só serviu  para fortalecer a pandemia da Covid-19. Pediu neste sentido un compromiso coa cooperación global e co reparto xusto e equitativo das futuras vacinas.

Bozkir incidiu na liña marcada desde o comezo da crise sanitaria polo secretario xeral da ONU, António Guterres. "Ningún Estado pode combater esta pandemia só", dixo o político e diplomático turco, e engadiu que é responsabilidade dos 193 membros da Asemblea "fortalecer a fe da xente na cooperación multilateral e nas institucións internacionais, coa ONU como o seu centro".

Diante dos diplomáticos de todos os Estados representados no organismo internacional, con máscara e sentados mantendo unha distancia de seguridade, asegurou que "afrontar os efectos do coronavirus en todas as súas dimensións será unha prioridade capital" da súa presidencia. Neste sentido, anunciou que a comezos de novembro a Asemblea Xeral manterá unha sesión especial ao máis alto nivel sobre a Covid-19.

O até agora presidente, Tijjani Muhammad-Bande, fixo a simbólica cesión do martelo a Bozkir, mais antes, no seu discurso de despedida, abundou na necesidade de afondar na cooperación multilateral, especialmente no sector da sanidade. E tamén pediu o compromiso dos líderes mundiais "para agrandar os esforzos nacionais e globais na construción dun mundo máis san para todos". 

Analizar as críticas

Nesa liña continuou Bozkir. "Desde o comezo da crise, as voces críticas co multilateralismo foron en aumento", afirmou, e engadiu que "a pandemia foi usada para xustificar decisións unilaterais e debilitar o sistema internacional baseado no estado de dereito. As organizacións internacionais foron reprobadas e a necesidade da cooperación internacional foi cuestionada". 

O novo presidente da Asemblea Xeral recoñeceu que as críticas non están faltas de fundamento, "mais as súas conclusións son erróneas", alertando unha vez máis contra o unilateralismo. "Cómpre un diálogo franco, transparente e orientado a ser produtivo" sobre que se fixo mal para conter o virus e sobre que se debe facer para evitar unha situación similar no futuro, manifestou. 

E a respecto da xusta distribución de vacinas, sinalou que "non é unha cuestión de saúde e de economía, senón de ética na súa forma máis profunda". Unha reflexión na liña da expresada polo propio Guterres, o primeiro en inaugurar os parlamentos. 

O secretario xeral cualificou de ano crítico o que vén por diante, e afirmou: "Debemos continuar a responder ao impacto inmediato da pandemia da Covid-19 fortalecendo os sistemas de saúde e apoiando o desenvolvemento e a distribución equitativa de tratamentos e vacinas". 

Neste sentido, matizou que "a forza do multilateralismo está a mudar" e salientou, como noutras ocasións, "a necesidade dun tipo de multilateralismo máis interconectado e inclusivo para o século XXI". Este ano, dixo, debe ser o da "construción dunha forte recuperación", que debe ter como base a Axenda 2030 e o Acordo de París. A estes retos, Guterres sumou a paz e a seguridade, o desarme, os dereitos humanos, a igualdade entre sexos e o desenvolvemento sustentábel.

Axenda anual

Volkan Bozkir, diplomático que conta con case 50 anos de experiencia profesional e que foi ministro turco de Asuntos Europeos (2014-2015), presidirá a partir da semana vindeira a xuntanza anual de líderes mundiais da Asemblea Xeral. Xuntanza que se desenvolverá até finais de mes e que será principalmente virtual, con discursos pregravados e coa única presenza física dun representante por cada Estado.

Na axenda deste ano, ademais da sesión especial sobre a Covid, tamén está prevista outra sobre corrupción, informou o xa presidente da Asemblea Xeral. Na súa lista de prioridades tamén citou a Estratexia global da ONU na loita contra o terrorismo, a conmemoración do 25º aniversario da Cimeira Mundial para o Desenvolvemento Social e a preparación da quinta Conferencia da ONU sobre os países menos desenvolvidos. Ademais, Bozkir pretende revitalizar o traballo da Asemblea e discutir a reforma do Consello de Seguridade.

O mundo non estaba preparado para a actual pandemia e tampouco o está para a próxima

O impacto humano e económico da pandemia mostra que o mundo non estaba preparado para afrontar unha ameaza deste tipo, aínda que as probabilidades de que acontecese eran moi altas. Sinálao a Xunta de Vixilancia Mundial da Preparación (GPMD, nas siglas en inglés) no informe que acaba de publicar esta semana e que leva por título Un mundo desorganizado.

A GPMD, dependente da OMS e do Banco Mundial, encárgase de supervisar as políticas globais de cara á preparación ante unha crise sanitaria global. O documento é moi crítico e cualifica a resposta mundial como "un fracaso colectivo", cre que medrou a desconfianza da poboación cara aos dirixentes e considera que o liderado dos organismos internacionais se viu obstaculizado polas tensións xeopolíticas e o unilateralismo.

Comentarios