Un mozo checheno, suposto asasino do profesor francés que mostrou caricaturas de Mahoma

Hai nove persoas detidas, segundo informou a Fiscalía de París, en relación á morte do docente, que foi decapitado na sexta feira.

profesor_decapitado_francia
photo_camera O mozo foi abatido a tiros por axentes da Policía (Abdulmonam Eassa / AFP)

As autoridades francesas identificaron como un mozo de 18 anos e da república rusa de Chechenia, aínda que nado en Moscova, o asasino dun profesor de Historia que amosou aos seus alumnos varias caricaturas do profeta Mahoma no semanario satírico Charlie Hebdo, segundo confirmaron fontes xudiciais ao periódico Le Figaro.

O mozo, que morreu a tiros por disparos da Policía, carecía de antecedentes e non dera indicios de estar radicalizado, de acordo con estas mesmas fontes.

Doutra banda, a Fiscalía de París informou ao medio galo de que outras cinco persoas foran detidas ao longo da madrugada do sábado, 17 de outubro, na capital francesa. Trátase de dous pais de estudantes do centro de estudos onde traballaba a vítima e outros tres coñecidos do asaltante, aínda que non foron identificados como familiares. Con estas detencións xa son nove as persoas que pasaron a disposición policial en relación con este crime.

Ao respecto, o senador francés Bruno Retailleau informou de que o profesor asasinado fora obxecto de ameazas durante varios días tras ensinar as caricaturas do profeta, de quen o Islam prohibe terminantemente a súa representación, durante un seminario sobre a liberdade de expresión e o impacto nos medios de comunicación.

Atentado de 2015

De acordo coas fontes de Le Figaro, precisamente os pais detidos interpuxeron nos últimos días unha denuncia contra o profesor por ensinar as caricaturas da revista. Cómpre lembrar que as oficinas da publicación satírico foron escenario dun masacre contra os seus empregados en 2015, perpetrada por simpatizantes da organización terrorista Al Qaeda, que se saldou con 12 persoas mortas e outras 11 feridas.

A Policía pasou as últimas horas reconstruíndo o recente incidente. Segundo o estado actual da investigación, o profesor foi decapitado na sexta feira en Conflans-Sainte-Honorine (no departamento de Yvelines, nas inmediacións de París), arredor das 17 horas. O persoal da brigada contra o crime da cidade acudiu a investigar a un individuo sospeitoso que transitaba perto das instalacións.

Alí descubriron a vítima e, xa na localidade de Eragny-sur-Oise (no departamento anexo de Val-d'Oise), acharon o seu asasino, que supostamente ameazou os axentes cun arma branca antes de morrer a tiros polos disparos da Policía.

Comentarios