Unha moza perde un ollo após unha carga policial dos Mossos nunha manifestación

A persoa ferida participaba nunha protesta contra a entrada en prisión do rapero Pablo Hasel. Os supostos feitos foron denunciados polo Centre Irídia e recollidos polo medio dixital VilaWeb.
Rapaza agredida en Barcelona. (Foto: Ángel García)
photo_camera Rapaza agredida en Barcelona. (Foto: Ángel García)

As manifestacións pola entrada en prisión do rapero Pablo Hasel acusado de "exaltación do terrorismo" sucédense por todo o Estado español, incluída a Galiza, pero con especial forza en Catalunya, de onde é orixinario o cantante. Así xa comezan a chegar algunhas denuncias dos danos derivados das cargas policiais.

Segundo denuncia o Centre Irídia para a defensa dos dereitos humanos, nunha información recollida polo medio dixital VilaWeb, unha das manifestantes perdeu un ollo polas feridas que sufriu durante as cargas policiais dos Mossos rexistradas esta terza feira en Barcelona.

Indican que a moza recibiu o impacto dunha bala de foam disparada polos axentes durante o acto de protesta, polo que exixen que se faga unha investigación dos feitos e das circunstancias que os rodearon. Polo momento a muller xa foi operada.

A vítima ten 19 anos e resultou prexudicada cando camiñaba pola Vía Augusta. No entanto, fontes do corpo de seguridade do país aseguraron a VilaWeb que descoñecen os feitos que se denuncian.

Pola súa parte, o departamento de Saúde catalán afirma que aínda non se determinou a causa que derivou na perda do ollo por parte da manifestante.

En calquera caso, Irídia lembrou que denuncia desde hai anos o uso do foam, por entender que pode provocar lesións graves e até un falecemento.

"É unha arma de precisión, non como as balas de goma. É moi grave que tanto en outubro de 2019 como onte se deran casos de persoas feridas na cabeza", incidiu, pedindo que neste mandato se produzan cambios nos métodos de control.

Comentarios