Moscova confirma o final do repregamento no oeste do Dniéper

As forzas ucraínas anuncian a entrada en Khersón tras confirmar Rusia a súa retirada da zona cara á marxe leste do río Dniéper. Amais, avanzan as conversas para estender o corredor humanitario despois que Países Baixos liberara unha carga de fertilizantes rusos dirixida a África, retida por mor das sancións a Rusia.
Edificio atacado en Borodianka a quinta feira. (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Edificio atacado en Borodianka a quinta feira. (Foto: Ukrinform / dpa)

Dous días despois de que o titular de Defensa ruso, Sergei Shoigu, ordenara retirar as tropas ao oeste do río Dniéper na rexión de Khersón, o Exército de Rusia confirmou esta sexta feira a finalización do traslado de tropas, que tamén afecta a capital do oblast, de nome homónimo, que estaba controlada por Moscova desde o 1 de marzo.

“Nin unha soa peza de equipamento e armamento militar quedou no outro lado”, salientou Igor Konashenkov, voceiro do Ministerio de Defensa, incidindo en que todos os civís que quixeron abandonar a zona recibiron asistencia para facelo. O voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, reiterou que consideran a rexión de Khersón como “parte da Federación rusa” máis aló do repregamento.

Ao tempo, as Forzas Armadas de Ucraína comunicaron que algunhas tropas xa entraron na cidade de Khersón. Poucas horas antes, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, apuntara que, desde o 1 de novembro, fixéronse con 41 asentamentos no camiño á urbe, entrementres, fontes militares aseguraron que estiman recuperar nunha semana o control de toda a área da que se retiraron os militares rusos, xustificándose en manter un avance seguro perante a alarma por un suposto reagrupamento de tropas rusas para lanzar unha contraofensiva.

Con respecto ao envío de armas a Kíiv, o Alto representante da Unión Europea (UE) para a Política Exterior, Josep Borrell, anunciou que busca un acordo con Estados membro para aumentar o financiamento de asistencia militar.

O fondo do que proviñan os 4.000 millóns de euros en armamento remitidos a Ucraína, denominado Mecanismo Europeo para a Paz, só ten arredor de 1.000 millóns de euros, sostivo, polo que insistiu en que na cimeira de líderes da UE en decembro ten que asinarse un compromiso por escrito cunha proposta para achegar máis fondos. Esta declaración chegou con posterioridade á publicación dun novo envío de armas cun valor de 400 millóns de euros polos Estados Unidos.

Corredor humanitario

Ademais, Xenebra (Suíza) acolleu unha reunión entre a Organización das Nacións Unidas (ONU) e Rusia para negociar a prórroga do acordo de exportación de gran ucraíno polo mar Negro, que inclúe liberar as trabas ao comercio de cereais e fertilizantes rusos, que Moscova denuncia non se está a cumprir.

Nesa liña, o Goberno dos Países Baixos fixo público esta sexta feira que liberou un envío de 20.000 toneladas de fertilizantes rusos a Malawi, bloqueado no país polas sancións impostas a Rusia, tras unha solicitude da ONU.

Comentarios