Moscova acusa a OTAN dunha campaña contra Rusia e China

Stoltenberg afirmou no rotativo italiano na quinta feira que Rusia e a China recorren á desinformación para aumentar a súa influencia entre os países membros da Alianza e desestabilizalos durante a pandemia.
Stoltenberg
photo_camera O secretario xeral da Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg (dpa)

A portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, María Zajarova, acusou onte a OTAN de pór en marcha unha campaña de desinformación contra Rusia e a China pola pandemia do novo coronavirus orixinado en Wuhan, segundo informa a axencia de noticias rusa Sputnik.

Nunha mensaxe na súa conta de Facebook, a portavoz do departamento que dirixe Sergei Lavrov dixo que o secretario xeral da Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg, deixara claro nunha entrevista co diario italiano La Repubblica que a OTAN ten unha campaña de desinformación contra os Gobernos ruso e chinés polo coronavirus.

"O secretario xeral da OTAN Stoltenberg claramente trazou o seu rumbo (da campaña): Rusia e a China, no contexto da pandemia de coronavirus COVID-19, están a difundir grandes cantidades de desinformación, tentando mudar a orde mundial", afirmou a portavoz ministerial.

Stoltenberg afirmou no rotativo italiano na quinta feira que Rusia e a China recorren á desinformación para aumentar a súa influencia entre os países membros da Alianza e desestabilizalos durante a pandemia.

Colaboración Beijing-Washington 

Ademais, o Goberno chinés defendeu onte que Beijing e Washington deberían reforzar a súa cooperación contra a pandemia do coronavirus despois de que o presidente estadounidense, Donald Trump, ameazase nunha entrevista en Fox News con "romper toda relación" co xigante asiático, contra quen volveu cargar pola xestión da crise da COVID-19.

"A China e os EUA deberían seguir fortalecendo a cooperación na loita contra a epidemia, superar a epidemia canto antes, tratar os pacientes e restaurar a produción e a economía, mais isto tamén require que os EUA e a China avancen o un cara ao outro", declarou o portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Zhao Lijian, segundo o diario oficial Global Times.

Cuba, "terrorista"

Por outra banda, segundo información de Reuters, os EUA está valorando a posibilidade de volver incluír Cuba entre os Estados que promoven o terrorismo polo seu apoio ao Goberno venezolano de Nicolás Maduro e por dar asilo a membros da guerrilla colombiana ELN.

Barack Obama retirara a Habana desta lista negra en 2015. A inclusión ten un significado máis simbólico que práctico.

Comentarios