As mortes polo mísil que alcanzou un edificio ucraíno ascenden a 44

Cinco crianzas faleceron polo impacto en Dnipro.
Labores de salvamento no edificio impactado en Dnipro por un mísil (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Labores de salvamento no edificio impactado en Dnipro por un mísil (Foto: Ukrinform / DPA).

Segundo os últimos datos do Servizo de Emerxencia de Ucraína, 44 persoas, incluídas cinco crianzas, faleceron, mentres que 79, incluídas 16 menores, resultaron feridas pola explosión dun mísil en Dnipro (a cuarta maior cidade do país e situada no sueste), que destruíu un tramo do edificio. Así mesmo, foron rescatadas con vida 39 persoas, entre elas seis crianzas.

Ucraína puxo este bombardeo como exemplo dos abusos cometidos por Rusia durante o conflito. "Non hai dúbida: cada culpábel deste crime de guerra será identificado e levado ante a Xustiza", afirmou o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

Pola súa parte, o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, salientou que "os militares rusos non atacan edificios residenciais e que as súas ofensivas se dirixen contra obxectivos militares, camuflados ou evidentes". Así mesmo, culpou a defensa antiaérea ucraína de provocar a traxedia.

Mentres tanto, o secretario xeral de Nacións Unidas (ONU), António Guterres, condenou "enerxicamente" as mortes provocadas. A portavoz adxunta de Guterres, Stephanie Tremblay, destacou que "os ataques contra civís e infraestrutura civil violan o Dereito Internacional humanitario". "Deben terminar de inmediato", resolveu.

Versións contraditorias

O asesor externo do xefe da Oficina Presidencial de Ucraína, Alexéi Arestóvich, presentou esta terza feira a súa renuncia tras afirmar que a defensa antiaérea ucraína derribara o mísil ruso que tería impactado contra un bloque de vivendas na cidade de Dnipro o o pasado sábado.

Desde as Forzas Aéreas ucraínas sostiveron que non derrubaron "ningún" dos mísiles rusos X-22, pois segundo afirman, as súas forzas antiaéreas non gozarían dos medios técnicos necesarios para deter esta tipoloxía de armamento.

Porén, o ano pasado emitiron varios comunicados en sentido oposto. Algo que recoñeceu o portavoz da Forza Aérea ucraína, Yuri Ignat, que precisou que se tratou de "erros" cometidos pola présa nas publicacións.

Comentarios