As mortes por Covid na India, dez veces máis que as oficiais

A "peor traxedia humana desde a independencia" do país, sinala un estudo.
EuropaPress_3848119_19_july_2021_india_new_delhi_indian_prime_minister_narendra_modi_holds_an
photo_camera O primeiro ministro Modi, á entrada do Parlamento esta semana (Foto: Naveen Sharma / SOPA Images)

O número de mortes provocadas pola pandemia da Covid-19 na India podería ser unhas dez veces superior ás cifras oficiais, o que implicaría que o país conta cun exceso de decesos de entre 3 e 4,9 millóns, segundo un estudo do Centro para o Desenvolvemento Global. Nun informe publicado esta terza feira, a organización estadounidense alertou de que a cifra de persoas falecidas entre xaneiro de 2020 e xuño de 2021 podería ser moito maior que a rexistrada até o momento.

"A cifra oficial de mortes da India a finais de xuño é de 400.000. A realidade, obviamente, é catastroficamente peor", recolle o documento, que sinala que a "verdadeira cifra de mortes" podería ser moi superior, o que convertería a pandemia na "peor traxedia humana desde a independencia" do país. A independencia da India e do Paquistán despois da partición do Raj británico deixou máis dun millón de mortes provocadas pola violencia sectaria entre hindús e musulmáns.

O estudo baséase principalmente na extrapolación dos datos de mortes en sete Estados e nunha serie de enquisas realizadas en varios puntos do país sobre falecementos recentes.

Moitos expertos xa alertaran previamente de que a verdadeira cifra de falecementos na India podería ser moito maior da rexistrada oficialmente até o momento, algo que o Goberno  indio rexeitou por considerar que é "esaxerado".

Pegasus

Por outra banda, a oposición india acusou o primeiro ministro, Narendra Modi, de cometer "traizón" e un "sacrilexio imperdoábel" por facer uso, supostamente, do software israelí Pegasus para espiar xornalistas, activistas e figuras opositoras.

As críticas producíronse despois de que varios medios informasen de que máis de 50.000 teléfonos móbiles foran espiados desde o ano 2016 mediante o software da empresa NSO.

O caso afecta a centos de teléfonos na India, 'hackeados' para a obtención de información confidencial, tal e como indicou o diario The Guardian. Entre os móbiles espiados está o do principal líder opositor da India, Rahul Ghandhi.

As investigacións levadas a cabo por decenas de medios xunto á ONG Amnistía Internacional mostran que o número de Ghandi foi seleccionado como posíbel obxectivo antes das eleccións de 2019.

Comentarios