A morte de George Floyd, primeiro cravo no cadaleito de Trump, ante os tribunais

Tras varias semanas seleccionando os membros do xurado, botou a andar o xuízo ao axente de Policía Derek Chauvin, acusado do "asasinato en segundo grao" de George Floyd. Unha morte gravada e retransmitida ao mundo a través das redes e da televisión, ao igual que está a ser retransmitido este proceso xudicial.
EuropaPress_3626594_28_march_2021_us_minneapolis_child_holds_black_lives_matter_flag_outside
photo_camera Neno con roupa de Black Lives Matter ante o xulgado de Minneapolis nas horas previas ao inicio do xuízo (Foto: ImageSpace / Zuma)

Dez meses despois de que o oficial de Policía Derek Chauvin ─branco─ oprimise co seu xeonllo o pescozo de George Floyd ─negro─ durante a súa detención, causándolle a morte por afogamento, deu comezou esta segunda feira no principal xulgado de Minneapolis ─fortificado con barreiras de cemento e valados con aramio de espiño e concertinas─ o xuízo contra o axente.

Dez meses despois de se iniciar unha das maiores vagas de protestas dos últimos tempos contra a violencia policial e o racismo institucionalizado nos EUA, arrancou un proceso xudicial que pode ser seguido en directo por calquera persoa con conexión a Internet. 

A canle Court TV fíxose cos dereitos televisivos para emitir o litixio, algo que malia non ser inusitado nos EUA provoca debate ─sen seren excluíntes─ entre os que defenden a liberdade de información e o dereito a un xuízo xusto. Court TV xa emitiu o mecanismo de selección do xurado, unha parte decisiva no sistema xudicial estadounidense que ademais está garantido constitucionalmente. 

Durante as últimas semanas os potenciais membros foron sometidos a un cuestionario sobre a súa familiaridade co caso co fin de determinar se eran aptos ou non para facer parte do grupo de 12 (e tres suplentes).

9 mulleres e 6 homes

A lei estabelece que os avogados dunha e doutra parte poden solicitar a exclusión de calquera persoa que entre en conflito coa súa capacidade para decidir un veredicto. Mais tamén se pode desbotar un número determinado de persoas por causas sen xustificar, sempre e cando non sexa por cuestións de sexo ou raza, que poderían ser impugnados. Neste caso, a acusación contou con nove destas posibilidades e a defensa con 15, segundo explicou Associated Press

O proceso de selección do xurado deu comezo o 9 de marzo e finalizou o 23 de marzo. A CNN informou do perfil de cada un dos 15 membros: varían desde os que teñen opinións favorábeis a Black Lives Matter ou pensan que a cidadanía negra non é tratada xustamente, até os que son máis críticos con este movemento. A maioría ten unha visión "en certo modo negativa" sobre o acusado e positiva da Policía.

En concreto, son 9 mulleres (6 brancas, 2 multirraciais e 1 negra) e 6 homes (3 brancos e 3 negros). Por idades, hai 10 por riba e 5 por baixo de 50 anos. O membro do xurado máis novo está na vintena e o máis vello é sesaxenario. 

Argumentos das partes

Este grupo será o responsábel de decidir se Chauvin é culpábel do "asasinato en segundo grao" de Floyd. Este é o máis grave dos cargos que afrontan el e os outros tres axentes implicados no incidente que tamén serán xulgados proximamente. Chauvin, de 45 anos de idade, podería ser condenado a 40 de prisión. El declarouse "inocente" ("non culpábel", de acordo co termo usado no sistema legal dos EUA).

A acusación considera que as imaxes gravadas polos viandantes son a proba definitiva de que a actitude do axente de Policía foi un "factor causal substancial" na morte de Floyd. A defensa argumenta que o finado consumira drogas antes do seu arresto, algo que canda a outros condicionantes de saúde previos puido contribuír á súa morte. Ademais, sostén que Chauvin cumprira co procedemento policial.

Os feitos

George Floyd, de 46 anos, nacido en Carolina do Norte e criado en Houston, marchou de adulto vivir ao Estado de Minnesota, onde traballou de axente de seguridade nun restaurante. O 25 de maio de 2020 entrou nun estabelecemento de Minneapolis para comprar un paquete de tabaco. O dono da tenda acusouno de pagar cun billete falso de 20 dólares e chamou a Policía.

Dous axentes chegaron ao lugar, esposárono e tratárono de introducir na parte de atrás do coche patrulla, segundo o informe policial. Porén, Floyd negouse a entrar e tirouse ao chan alegando que sufría claustrofobia. Chauvin e outro axente chegaron entón ao lugar, tentando introducir pola forza a Floyd no vehículo. Finalmente, o primeiro tirouno novamente ao chan, boca abaixo, colocando o seu xeonllo sobre o pescozo e a cabeza do arrestado. 

Durante oito minutos e 46 segundos mantivo esta postura, malia as súplicas de Floyd de "non podo respirar" e "vou morrer". Finalmente, o aire deixou de entrar nos seus pulmóns e foi declarado morto no hospital pouco tempo despois. 

Protestas masivas

As imaxes gravadas e difundidas nas redes sociais e polos medios de comunicación provocaron protestas por todo o país. Tamén cruzaron fronteiras, con réplicas no Canadá ou en Europa. Supuxeron ademais o primeiro gran contratempo na carreira pola reelección de Donald Trump, agravada nos seguintes meses pola xestión da pandemia. 

Os fortes enfrontamentos nas rúas, con toques de recoller en medio cento de cidades, provocou ademais unha maior polarización da cidadanía de cara ás eleccións presidenciais de novembro. Trump culpou das protestas ao movemento Antifa, co que chegou a vincular o Partido Demócrata.

A intención de sacar o Exército ás rúas custoulle a Trump mesmo críticas internas, e o seu secretario (ministro) de Defensa na altura, Mark Esper, opúxose.

"Botádesme de menos xa?", pregunta Trump

Familiares e amigos de George Floyd organizaron unha vixilia en Minneapolis nas horas previas ao comezo do xuízo, onde pediron que se fixese "xustiza", declarando o oficial de Policía culpábel, para paliar a dor e "o buraco que temos no corazón", segundo manifestou un dos irmáns do finado. 

Poucas horas antes, noutra punta do país, Donald Trump daba un discurso nunha voda celebrada no seu complexo hoteleiro en Florida. O ex presidente, segundo as imaxes publicadas por TMZ, non fixo referencia a este caso, mais si que aproveitou para cargar contra o Irán e a China, e contra a política de apaciguamento que segundo el leva a cabo o actual mandatario, Joe Biden. Tamén foi crítico contra a política migratoria do novo Goberno. E cunha ovación responderon os comensais da voda á súa pregunta: "Botádesme de menos xa?".

Comentarios