Morreu Dennis Banks, líder do movemento que loitou pola soberanía dos indios norte-americanos

Indio iakota-siuox, pelexou desde a esquerda contra a marxinación e polos dereitos políticos e sociais dos nativo americanos en EUA. Colaborou cos Panteiras Negras e tomou parte en accións como a ocupación da illa de Alcatraz ou a revolta armada da reserva de Wounded Knee.

dennis bank movemento indio americano

Dennis Banks faleceu en Minnesota aos 80 ano como consecuencia dunha pneumonía a finais de outubro. Foi enterrado na súa reserva natal, Leech Lake, seguindo o rito midewewin. Centos de persoas congregáronse para despedir este indio iakota-sioux, revolucionario, socialista, activista, un dos co-fundadores en 1968 do Movemento Indio Americano (IAM), un dos actores socio-políticos que irrompeu sen complexos nos convulsos 60 e 70 nos EUA. “Eu non estou disposto a vivir un día máis nunha sociedade que destrúe a cultura e espiritualidade do meu pobo”, afirmou nunha entrevista para explicar a súa implicación no activismo social e político.

dennis bank movemento indio americano 2

Banks foi co-fundador do AIM en 1968, un movemento nado nun primeiro momento para defender os dereitos civís dos nativo americanos. Estes pobos sufrían naquel altura múltiples violencias: albo de marxinación, racismo e violencia policial, soportaban importantes niveis de desemprego e pobreza, así como altas taxas de alcoholismo. O Movemento Indio Americano xurdiu como autodefensa e  para combater esa situación e o sistema que a provocaba. Defendían a soberanía das áreas tribais, a devolución das terras confiscadas e a protección da cultura india. Foron obxecto dunha brutal represión que xerou que por volta de 60 activistas indios fosen asasinados até 1975.

O Movemento Indio Americano partillou diagnósticos e loita cos Panteiras Negras, nunha loita pola soberanía dos seus pobos e o socialismo. Dennis Banks tomou parte en múltiples accións, como a ocupación da emblemática illa de Alcatraz, onde estaba a prisión do mesmo nome, unha operación coa que reivindicaron o dereito dos nativos americanos ás terras abandonadas. A ocupación durou 19 meses. Desde a illa publicaron xornais e mesmo emitiron un programa de radio.

Unha das accións máis contundentes do movemento foi a revolta de Woundeed Knee, en 1973. O 27 de febreiro dese ano activistas armados de AIM ocuparon esta reserva india en Dakota do Sur. Centos de axentes cercaron a reserva, apoiados por helicópteros e vehículos armados. Após 71 días de cerco, os rebeldes rendéronse. A operación deixou 2 indios mortos e 500 presos e feridos.

Dennis Banks foi xulgado por eses feitos, sendo declarado culpábel de incitación á rebelión. Negándose a entrar en prisión, pasou á clandestinidade. En 1985 entregouse á xustiza, pasando 18 meses en prisión. Nos seus últimos anos mantivo o seu compromiso social e político, nomeadamente no socialista Partido da Paz e a Liberdade.

Comentarios